Elsa Vázquez asume a Dirección do CIM co reto de avanzar do recoñecemento ao liderado internacional en investigación mariña

Elsa Vázquez, nova directora do CIM

A catedrática da UVigo e investigadora do CIM sucede a Daniel Rey cun proxecto que aposta polo liderado de grandes iniciativas europeas, a colaboración entre grupos e a captación e retención de talento

A catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo Elsa Vázquez Otero asume a Dirección do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, sucedendo no cargo a Daniel Rey García, que estivo á fronte do centro desde 2018. Investigadora do grupo EcoCost do CIM e cunha ampla traxectoria en investigación mariña e xestión universitaria, Vázquez inicia esta nova etapa co obxectivo de “consolidar a transformación experimentada polo CIM nos últimos anos e avanzar desde o seu actual recoñecemento cara a unha posición de liderado internacional”.

Para a nova directora, este salto cualitativo pasa por “incrementar a capacidade do centro para liderar iniciativas europeas de gran envergadura e potenciar o impacto científico, tecnolóxico e social da investigación”. Esta proxección exterior irá acompañada dun traballo interno dirixido a reforzar a colaboración científica entre os diferentes grupos do CIM, impulsando proxectos transversais e interdisciplinares. 

Paralelamente, Elsa Vázquez quere “situar as persoas no centro da estratexia”, incrementando o sentimento de pertenza ao CIM, fortalecendo a captación e retención de talento, promovendo o desenvolvemento profesional en todas as etapas da carreira investigadora e reforzando o papel do persoal técnico e de xestión.

A catedrática da UVigo sinalou que “a etapa anterior permitiu construír unha base sólida en aspectos como a identidade institucional, a colaboración interna, a transferencia e as infraestruturas. Agora debemos transformar ese progreso en resultados aínda máis visibles e ambiciosos”. Neste novo periodo, aposta tamén por impulsar unha gobernanza máis participativa e inclusiva, integrando a igualdade e a diversidade como eixes transversais da actividade diaria do centro e como sinais de identidade da súa cultura organizativa.

Un referente en investigación mariña aberto á sociedade

A nova directora considera que o CIM debe consolidarse como “un dos principais motores de investigación da Universidade de Vigo e como o referente estratéxico en investigación mariña dentro do sistema galego de I+D+i”. Para iso, aposta por reforzar a capacidade do centro para xerar coñecemento científico e tecnolóxico de vangarda, atraer talento e desenvolver iniciativas colaborativas de alto impacto.

Esta excelencia científica debe ir acompañada, segundo Vázquez, dun papel activo na transferencia de coñecemento cara ás empresas, administracións e axentes sociais, contribuíndo á innovación e á competitividade da economía azul. “Temos a responsabilidade de ofrecer á sociedade asesoramento baseado en evidencias científicas para apoiar a toma de decisións en ámbitos relacionados co medio mariño e a sustentabilidade”, sinalou. Neste contexto, Vázquez subliñou tamén que “somos unha institución aberta, comprometida coa divulgación científica e coa ciencia cidadá”.

No ámbito internacional, as infraestruturas singulares do centro terán tamén un papel estratéxico. “A ECIMAT, os mesocosmos, a batea experimental e o novo buque oceanográfico CIM UVIGO, xunto coa nosa capacidade científica e a nosa pertenza a redes internacionais deben permitirnos atraer persoal investigador de excelencia, xerar colaboracións de longo percorrido e situar o CIM entre os centros europeos de referencia en investigación mariña”.

Unha dirección baseada na participación

Neste proceso, Vázquez aposta por unha gobernanza participativa e inclusiva, “todo o que conseguimos ata agora foi posible grazas ao compromiso, á dedicación e ao talento das persoas que forman parte do CIM. Ese traballo compartido, estes CIMentos, é o noso maior activo e a mellor base para afrontar con ilusión os retos que temos por diante”. 

Neste sentido, indicou que busca “exercer unha dirección próxima, baseada na escoita, na participación, na transparencia e no respecto ás diferentes opinión”. “Creo firmemente que as mellores decisións se constrúen e se toman entre todos e todas, e quero que cada persoa se sinta valorada, recoñecida e parte dun proxecto común”, engadiu.

Unha traxectoria ligada á investigación mariña e á xestión universitaria

Elsa Vázquez incorporouse ao Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo en 1996, onde desenvolveu a súa carreira docente e investigadora ata acadar a Cátedra de Zooloxía. Unha parte importante da súa actividade científica centrouse na bioloxía reprodutiva e na fisioloxía de invertebrados de interese comercial. Esta traxectoria levouna posteriormente a abordar os efectos do cambio global e dos eventos climáticos extremos sobre o ciclo vital e a fisioloxía dos bivalvos, buscando trasladar este coñecemento á conservación e á xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

Ao longo da súa carreira participou e liderou numerosos proxectos competitivos de ámbito autonómico, estatal e europeo, ademais de contratos de investigación e programas de cooperación internacional, combinando a investigación básica sobre organismos e ecosistemas mariños cunha clara orientación cara á aplicación do coñecemento.

Á súa traxectoria investigadora súmase unha extensa experiencia en postos de responsabilidade na Universidade de Vigo. En 2009-2010 foi vicerreitora de Investigación e, entre 2011 e 2018, directora da Área de Captación de Talento do Campus do Mar. Foi tamén coordinadora do programa internacional de doutoramento DOMAR e vicepresidenta do Claustro da Universidade de Vigo entre 2010 e 2018. 

A súa vinculación coa Facultade de Ciencias do Mar foi igualmente estreita. Tras exercer durante seis anos como vicedecana, en novembro de 2024 foi elixida decana da Facultade, responsabilidade que deixa agora para asumir a Dirección do CIM. 

O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.

Fonte: DUVI
 

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)