O CIM celebra do 6 ao 8 de novembro unhas Portas Abertas especiais polo seu 10º aniversario con visitas a laboratorios, obradoiros científicos e saídas pola ría
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo celebrará do 6 ao 8 de novembro unha nova edición das súas Xornadas de Portas Abertas, cun programa que achegará a investigación mariña á cidadanía a través de visitas a laboratorios, actividades experimentais e percorridos científicos pola ría de Vigo. Durante tres días, o público poderá coñecer o traballo que desenvolven os grupos de investigación do centro, os recursos científicos cos que contan e a súa contribución ao coñecemento e á conservación dos ecosistemas mariños.
As xornadas coinciden este ano cunha dobre celebración: o 10º aniversario do CIM e os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Para conmemoralos, o centro amplía a súa programación coa recuperación das visitas aos laboratorios dos campus de Vigo e Ourense e incorpora, por primeira vez, unha expedición científica divulgativa ás illas Cíes, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
As actividades requiren inscrición previa, agás a feira científica de A Laxe, que será de acceso libre. A visita ás illas Cíes ten un custo de 8 euros por persoa. As actividades poden consultarse nesta ligazón e as inscricións abren mañá mércores.
Con esta iniciativa, o CIM busca achegar a investigación á sociedade e fomentar a alfabetización oceánica, amosando como o traballo científico contribúe a comprender os ecosistemas mariños, os cambios ambientais e os desafíos relacionados coa conservación e xestión sostible do océano.
Estas xornadas contan co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e están amparadas polo Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e forman parte das celebracións do European Maritime Day In My Country.
Dos laboratorios á rúa: a ciencia mariña ao alcance de todos
As actividades comezarán o venres 6 coa apertura dos laboratorios do CIM nos campus de Vigo e Ourense. En Vigo, as persoas visitantes poderán percorrer instalacións científicas e coñecer investigacións relacionadas coa ecoloxía, a bioloxía, a xeoloxía, a zooloxía, a química e a xestión dos recursos mariños. O persoal investigador explicará os proxectos nos que traballa e convidará ao público a participar en experimentos e actividades prácticas para descubrir como se aplica o método científico. As visitas realizaranse en tres quendas, ás 10.00, 10.30 e 11.00 horas, cunha duración de dúas horas e media cada unha.
Pola súa banda, en Ourense, o grupo de investigación EPhysLab abrirá os seus laboratorios para amosar as técnicas e ferramentas coas que estuda os procesos físicos relacionados co medio ambiente e o clima.
A principal infraestrutura de investigación do CIM, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, abrirá tamén as súas portas para amosar os seus equipamentos e servizos científicos que permiten desenvolver investigación experimental a pé de mar. As persoas asistentes coñecerán o funcionamento dos diferentes espazos e o traballo necesario para manter operativas as instalacións científicas, así como algún dos experimentos e proxectos que se desenvolven na estación. As visitas do venres realizaranse en dúas quendas, de 10.00 a 12.00 e de 12.30 a 14.30 horas.
A Laxe convértese nun espazo de experimentación para toda a familia
O venres 6 entre as 17.00 e as 20.30 horas, a ciencia sairá ao encontro da cidadanía no centro comercial A Laxe, cunha nova edición da feira científica Coñece o CIM na rúa. A feira contará con obradoiros e xogos científicos para toda a familia, nos que se abordarán as relacións tróficas mariñas a través dunha Jenga microbiana, a alimentación das medusas, a química da auga e a detección de contaminantes. Entre as propostas figura tamén AquaMission, un xogo de mesa a grande escala centrado na investigación en acuicultura sostible, xunto con actividades sobre identificación de especies e conservación dos ecosistemas acuáticos.
A feira incluirá tamén un escape room virtual, baseado no mural científico do CIM, a Autoridade Portuaria de Vigo e Campus do Mar no Real Club Náutico, para achegar a investigación oceánica ao público a través do móbil.
O programa do venres incluirá tamén visitas guiadas ao Nautilus do Porto de Vigo, unha infraestrutura que conta cunha ventá submarina de 19 metros de lonxitude. Entre as 16.00 e as 18.00 horas, o persoal investigador do CIM amosará a biodiversidade que habita baixo as augas do porto e explicará como as estruturas biomiméticas desenvolvidas polo centro contribúen a crear hábitats e favorecer a presenza de organismos mariños nas infraestruturas portuarias. Esta actividade require inscrición previa na web.
A investigación mariña, desde Toralla ata a ría de Vigo
A sábado 7 o CIM ofrecerá dúas propostas simultáneas para achegar ao público diferentes vertentes da investigación mariña. Por unha banda, a Ecimat continuará coas súas xornadas de portas abertas, permitindo ás persoas visitantes percorrer as instalacións, coñecer os proxectos científicos que se desenvolven nelas e participar en actividades prácticas co persoal investigador e técnico. As visitas organizaranse en seis quendas, con saídas ás 09.30, 09.45, 10.00, 12.30, 12.45 e 13.00 horas, cunha duración de dúas horas cada unha.
Paralelamente, regresará unha das actividades das anteriores edicións: Embárcate co CIM nunha campaña! A bordo do barco escola Nautilus, realizaranse dúas travesías pola ría de Vigo, de 09.00 a 11.30 e de 12.00 a 14.30 horas. Durante os percorridos, o persoal do CIM acompañará as persoas participantes por diferentes puntos de interese científico e estacións de mostraxe da ría, onde explicará os proxectos que se están a desenvolver, amosará técnicas de mostraxe oceanográfica e dará a coñecer como se obteñen os datos necesarios para estudar a biodiversidade, as características ambientais e o funcionamento dos ecosistemas costeiros.
As illas Cíes convértense nun laboratorio natural para descubrir a investigación do CIM
A principal novidade desta edición chegará o domingo 8 cunha expedición divulgativa ás illas Cíes, organizada en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A proposta permitirá achegarse a este espazo protexido desde unha perspectiva pouco habitual: a de quen estuda os seus ecosistemas e os procesos naturais que os configuran.
Durante a visita, que se desenvolverá entre as 09.00 e as 14.00 horas e terá un custo de 8 euros por persoa, guías acreditados polo Parque Nacional e investigadores e investigadoras do CIM guiarán as persoas participantes nun percorrido para descubrir a súa xeoloxía, os seus ecosistemas e a súa biodiversidade mariña.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.
Fonte: DUVI


