O peche do proxecto Mariscando conCiencias, que conta coa participación do grupo do CIM Future Oceans Lab, encheu de actividades a praia de Cesantes
Poñer en diálogo ciencia, coñecemento tradicional e creación artística para imaxinar futuros sostibles para o marisqueo a pé. Nisto consistiu o proxecto Mariscando conCiencias para o futuro, unha iniciativa desenvolta ao longo de 2025 e 2026 que este venres pon o seu punteo final na praia de Cesantes, en Redondela, cunha xornada aberta ao público, na que se puxeron sobre a mesa os retos actuais do marisqueo e as expectativas de futuro deste sector na enseada de San Simón.
Ccoordinado pola cooperativa galega Cidadanía, o proxecto contou coa participación do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, que liderou a achega científica, así como da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar, o colectivo artístico Artelixo e o Concello de Redondela, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, dentro da súa liña de Arte Cidadá.
O traballo partiu da preocupación das propias mariscadoras polo futuro dun oficio tradicional e feminizado que se atopa especialmente exposto ás transformacións ambientais do medio mariño. Desde aí, tratouse de conectar diferentes formas de coñecemento para comprender os cambios experimentados pola actividade e imaxinar colectivamente alternativas para o futuro.
Ciencia e coñecemento local
A participación do Future Oceans Lab permitiu incorporar ao proceso a perspectiva científica sobre os efectos que o cambio climático e outras alteracións ambientais están a ter nos sistemas socioecolóxicos mariños. O aumento da temperatura da auga, os episodios de chuvias torrenciais e os efectos da contaminación son algúns dos factores que poden contribuír á mortalidade dos bivalvos e á situación de vulnerabilidade que atravesa actualmente o marisqueo a pé.
A achega científica combinouse coa experiencia das mariscadoras, consideradas tamén como coñecedoras do territorio e dos cambios que afectan aos bancos marisqueiros. Neste contexto desenvolveuse o Laboratorio MARabismo, impulsado desde o Future Oceans Lab, no que se traballou colectivamente na construción de posibles escenarios de futuro para a pesca artesanal local.
O proxecto permitiu ademais achegar o marisqueo á cidadanía. Máis dun cento de escolares e persoas adultas participaron en diferentes actividades nas que coñeceron as ferramentas e técnicas empregadas no marisqueo a pé, buscaron especies no areal e colaboraron en accións de limpeza do litoral.
Proxecto con forte compoñente artística
A dimensión artística foi outro dos piares da iniciativa. A fotografía, a creación con materiais reciclados e outras propostas artísticas acompañaron o proceso e permitiron explorar novas formas de representar as relacións entre as comunidades costeiras e o medio mariño.
Parte dos residuos recollidos nas praias transformáronse en novas pezas no marco de Artelixo 2026, que este ano se desenvolveu baixo o lema ‘Ata aquí chegaba o mar!’. Esculturas, instalacións, fotografías e materiais de foto-voz realizados durante o proxecto formaron parte dos resultados que se presentaron na xornada de clausura.
Entre as propostas destaca tamén A Beira, unha peza de danza contemporánea creada a partir do traballo con mariscadoras da enseada de San Simón e bailarinas galegas. Coordinada pola investigadora e bailarina Xochitl Édua Elías Ilosvay, a proposta utiliza o corpo e o movemento para conectar o traballo físico das mariscadoras coa memoria do territorio e coa reflexión sobre o futuro do mar.
Compartindo os resultados coa cidadanía
A xornada de Cesantes, aberta á cidadanía, contou coa participación, entre outros, da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Ademais da presentación da peza de danza e da mostra das creacións artísticas, o programa inclé tamén, xa pola tarde, unha mesa redonda sobre os retos actuais do marisqueo, coa participación de representantes do sector, e un obradoiro familiar de creación artística con lixo mariño.
O encontro pon así o punto final a un proceso que procurou achegar ciencia, coñecemento tradicional e creación artística para abordar desde o propio territorio os desafíos ambientais e sociais que condicionan o futuro do marisqueo na enseada de San Simón.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.
Fonte: DUVI




