O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña participou con varias actividades como obradoiros, teatro e un paseo científico pola ría
A ciencia botouse ás rúas das principais cidades galegas, por sexto ano consecutivo, este derradeiro venres do mes de setembro co gallo da celebración da G-Night. Un cento de investigadoras e investigadores da UVigo, entre eles do Centro de Investigación Mariña, coa colaboración doutras entidades e de persoal investigador en fase predoutoral, foron quen de trasladar a súa actividade a diversos emprazamentos de Vigo, Ourense e Pontevedra, onde centos de persoas descubriron de xeito aberto e participativo os principios e aplicacións do seu labor.
Con epicentro no edificio Redeiras e na praza do Berbés en Vigo, onde se concentraron a maior parte das 40 actividades da G-Night desenvolvidas polo persoal investigador da UVigo, a institución académica viguesa volveu coordinar a Noite Galega das Persoas Investigadoras, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o Cesga, Citmaga, Ecobas, FCEER, IDIS, IISGS e Inibic.
A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, realizou unha visita institucional á feira na praza do Berbés, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o vicerreitor de Transferencia, Rafael Comesaña; a directora de Gain, Carmen Cotelo; e as tenentes de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva e Ana Mejías. “A G-Night representa moi ben a aposta da Universidade de Vigo por achegar a ciencia á cidadanía e por mostrar o valor e o impacto da investigación que desenvolvemos e permítenos explicar dun xeito próximo en que traballan os nosos equipos, que preguntas se fan, que problemas intentan resolver e para que serve a ciencia no día a día”, asegurou a reitora que destacou a importancia dunha iniciativa coma esta para que nenas e menos poidan achegarse á ciencia e á investigación. “Unha universidade pública debe xerar coñecemento, pero tamén compartilo e facelo comprensible e útil para a sociedade e a G-Night permítenos facelo de maneira aberta, participativa e en colaboración co conxunto do sistema galego de investigación”, explicou García Mateo.
A celebración da G-Night, que hoxe se desenvolve en máis de 450 cidades de Europa, conta coa colaboración en Vigo do Concello e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.
Feira científica e paseo en barco pola ría
Convertidos en grades espazos de experimentación científica, o edificio Redeiras e a praza do Berbés, permitiron ao público asistente achegarse a ámbitos como o das ciencias mariñas. Así, o grupo XM3 do CIM sorprendeu ao público participante co seu taller ‘As plantas non (só) son verdes’, mentres que coa actividade realizada polo persoal investigador do CIM ‘Ostras e estrelas’ rapazada e maiores puideron desfrutar dunha obra de teatro e monicreques para poñer en valor o traballo da muller na ciencia antes de participar nun obradoiro de microscopía e acuicultura.
As actividades do CIM en Vigo completáronse cun paseo científico en barco para coñecer os fondos da ría a bordo de Inndaga, a embarcación do Centro de Investigación Mariña. Durante a actividade recolléronse diferentes mostras que despois o público puido analizar na feira científica.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.
Fonte: DUVI














