O grupo do CIM PhystoFish presentou os resultados do proxecto Marinnonet
A Universidade de Vigo participa esta semana, como parte dunha delegación galega, na feira BioSpain. Este evento, que arrancou onte martes, é un dos maiores eventos de biotecnoloxía organizados por unha asociación nacional da industria biotecnolóxica en Europa e un dos máis grandes do mundo por número de xuntanzas bilaterais e empresas participantes.
A UVigo forma parte da delegación da Xunta de Galicia – GAIN xunto con outros axentes do Sistema Galego de Innovación, como as tres universidades, as fundacións biomédicas, o Sergas, o Clúster de Saúde e empresas privadas. Dende Galicia estase a apostar fortemente pola investigación e transferencia no ámbito tecnolóxico e para iso cóntase cunha Estratexia en Biotecnoloxía na que a UVigo ten un papel relevante.
A participación da UVigo neste evento ten como obxectivo amosar os resultados de investigación e as capacidades das que dispón no eido da biotecnoloxía e en particular por en valor as capacidades dos centros CIM, atlanTTic, CINBIO, Cintecx e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Ademais, aproveitaranse estes días para establecer contactos e sinerxías coas entidades públicas e privadas para posibles colaboracións e proxectos comúns.
A representación da UVigo en BioSpain correu a cargo de Elena Gil e Uxía Vázquez, técnicas da Oficina de I+D. Ademais, o grupo PhystoFish contou coa oportunidade para presentar os resultados do proxecto Marinnonet, cunha breve charla titulada Impulsando a biotecnoloxía azul a través dunha rede europea transnacional. Para isto acudiron tamén ao evento o investigador principal do grupo, José Luis Soengas, a profesora Marta Conde e a xestora de proxectos Carlota Freiría.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.
Fonte: DUVI

