O investigador Diego Fernández, do grupo EphysLab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, liderará un proxecto para desenvolver unha ferramenta dixital de predición de riscos agroclimáticos que axudará ao sector agrario a optimizar a toma de decisións. A iniciativa foi unha das cinco seleccionadas na convocatoria de axudas do Programa de Pulo á Valorización e Transferencia do Coñecemento do Campus Auga, financiada no marco do convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).
O proxecto, titulado Ferramenta de predición de riscos agroclimáticos para a optimización da produción agrícola: validación e transferencia, ten como obxectivo poñer en funcionamento un servizo dixital de apoio á toma de decisións para agricultores, cooperativas e persoal técnico.
“A ferramenta combinará predicións meteorolóxicas de alta resolución, conxuntos probabilísticos e técnicas de intelixencia artificial para prever, con varias semanas de antelación, tanto a evolución e maduración dos cultivos como a presenza de condicións agroclimáticas adversas que poidan favorecer a aparición de enfermidades ou situacións de estrés”, explica Diego Fernández.
Nunha primeira fase, a solución centrarase en dous sectores estratéxicos da provincia de Ourense: o cultivo da pataca e o sector vitivinícola. O proxecto permitirá validar a ferramenta en contornas reais e adaptala ás necesidades dos seus usuarios finais, co propósito de ofrecer información práctica que facilite a planificación das tarefas agrícolas, reduza perdas e favoreza un uso máis eficiente da auga e dos tratamentos fitosanitarios.
Segundo destaca o investigador do CIM, esta iniciativa contribuirá a avanzar cara a unha agricultura “máis eficiente, sostible e resiliente”, apoiándose na combinación de predición meteorolóxica avanzada e intelixencia artificial.
Cinco proxectos para impulsar a transferencia do coñecemento
O proxecto liderado por Diego Fernández é un dos cinco beneficiarios da convocatoria do Campus Auga, creada para apoiar iniciativas con potencial de explotación e impacto no mercado e favorecer a transferencia do coñecemento xerado na universidade á sociedade.
Nesta edición tamén recibiron financiamento:
- María Luisa Rúa (grupo TEZE), para escalar a produción de xilano e prebióticos obtidos de macroalgas con aplicación alimentaria.
- Ana María Torrado (grupo TEZE), para avanzar na validación regulatoria dun ingrediente alimentario rico en xilooligosacáridos obtidos a partir de palla de trigo.
- Helena Raquel dos Santos Fernandes (BiotecnIA), para avaliar o potencial comercial dun biofilm alimentario elaborado con quitosano procedente de insectos mediante tecnoloxías sostibles.
- Pedro Miguel Ferreira Santos (Bio2Val), para desenvolver unha fariña funcional elaborada a partir do bagazo de uva tinta da DO Ribeiro destinada á elaboración de pans e galletas máis saudables.
Con esta convocatoria, o Campus Auga reforza o seu compromiso coa valorización dos resultados da investigación e coa súa transferencia ao tecido produtivo, promovendo solucións innovadoras con impacto económico, social e ambiental.
O CIM conta co recoñecemento Cigus da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder-21-27.