Da man do investigador Haritz Ayarza, do Future Oceans Lab, no marco do proxecto SOST-Erizo. Permite identificar riscos que afectan ao futuro deste recurso, actualmente en situación crítica
O CIM-UVigo alíase coas confrarías para crear unha ferramenta dixital que mellora a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar. O autor principal do estudo é o investigador do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo Haritz Ayarza, que deseñou o primeiro índice integral de sostibilidade para avaliar a pesqueira artesanal do ourizo de mar en Galicia. Esta ferramenta, xerada mediante un proceso de co-creación con pescadores e confrarías, permite identificar riscos ecolóxicos, sociais, económicos e de gobernanza que afectan ao futuro deste recurso, que se atopa actualmente en situación crítica.
O desenvolvemento do índice forma parte do proxecto SOST-Erizo, promovido polo programa Redemar da Xunta de Galicia, que fomenta a colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos para compartir coñecementos, identificar necesidades e buscar solucións conxuntas aos retos do sector.
A pesqueira do ourizo de mar é unha das máis importantes do litoral galego, pero tamén unha das máis vulnerables, xa que, como explica Haritz Ayarza, “atravesa un momento crítico, con sinais claros de sobreexplotación e unha gran dependencia económica do recurso”. Por este motivo, o investigador do CIM (centro que forma parte da Rede Cigus) considera que “existía unha clara necesidade de contar con ferramentas específicas que permitisen avaliar a súa sostibilidade de forma integrada. O noso obxectivo era cubrir este baleiro, promover novas formas de colaboración entre pescadores, científicos e administración e ofrecer un instrumento adaptado á realidade galega que apoiase a toma de decisións e anticipase riscos”.
Xunto con Ayarza, asinan o estudo Elena Ojea, Julia Ameneiro e Juan Bueno-Pardo, do Future Oceans Lab, xunto con Iratxe Rubio e Elena Fontán, de Mareira Bizi Sociedade Cooperativa Galega e Pedro Cuíñas, do Centro de Investigacións Mariñas, CIMA.
Identificar riscos mediante un proceso de co-creación
O índice desenvolveuse mediante un proceso participativo con dúas confrarías, unha do norte e outra do sur de Galicia, a través de catro obradoiros de traballo. Os pescadores actuaron como socios do proxecto e participaron activamente na selección, definición e validación dos 19 indicadores que compoñen a ferramenta.
Durante o proceso, o sector achegou o seu coñecemento ecolóxico local, revisou a proposta científica inicial e contribuíu a orientar as decisións metodolóxicas. Ademais, os participantes probaron os resultados mediante unha aplicación dixital interactiva. “Os pescadores non só achegaron información, senón que orientaron as decisións metodolóxicas e axudaron a garantir que o índice reflectise fielmente a realidade do día a día da pesqueira”, subliña Haritz Ayarza.
O estudo mostra que a sostibilidade da pesqueira depende de moitos máis factores que a abundancia do ourizo. “Entre os principais riscos detectados atópanse un declive significativo do recurso percibido de forma xeneralizada e a elevada presión extractiva asociada á demanda comercial. Tamén se atoparon debilidades de gobernanza, especialmente en aspectos como a participación en decisións e a coordinación dentro das confrarías, así como conflitos internos entre colectivos que afectan á cohesión do sector e desigualdades de xénero que dificultan a capacidade de adaptación das mariscadoras”, afirma Haritz Ayarza. “Unha das sorpresas máis relevantes foi comprobar que a dimensión de gobernanza explicaba máis diferenzas entre confrarías que os factores ecolóxicos”.
Unha ferramenta transferible para mellorar a xestión pesqueira
O índice permite avaliar de forma integrada a situación dunha pesqueira artesanal e priorizar accións de mellora. O seu deseño dixital e participativo facilita o seu uso na revisión de plans de explotación, na monitorización de cambios ecolóxicos e socioeconómicos, na identificación de tensións internas ou desigualdades emerxentes, así como no fomento do diálogo entre administración, sector e comunidade científica. A ferramenta é facilmente adaptable a outras pesqueiras artesanais de Galicia e a territorios con características similares. “Máis aló do índice en si, o proceso participativo permitiu fomentar o diálogo, a confianza e unha comprensión compartida entre pescadores e xestores. Isto demostra que os índices participativos poden servir tanto para xerar avaliacións significativas como para fortalecer a colaboración”, detalla Ayarza.
O estudo tamén subliña o valor do coñecemento ecolóxico local e a necesidade de procesos colaborativos continuados para mellorar a xestión pesqueira. “A co-creación non só fai mellores ferramentas, tamén mellora a confianza e a gobernanza. A presenza continuada, a transparencia e a reciprocidade son esenciais para avanzar cara unha xestión máis xusta e sostible”.
Este traballo tamén ofrece aprendizaxes fundamentais para futuras iniciativas de xestión sostible. Concretamente, evidencia que o coñecemento ecolóxico local é fundamental para comprender correctamente o funcionamento do ecosistema e que a participación activa do sector aumenta a lexitimidade das ferramentas, facilitando a súa adopción real. Ademais, os procesos colaborativos permiten visibilizar desigualdades internas, tensións históricas e necesidades do sector que doutro modo pasarían desapercibidas. En definitiva, a confianza só se constrúe mediante presenza continuada, transparencia e reciprocidade, e non se alcanza con proxectos puntuais.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI


