Jorge Eiras Barca, do grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), realizará o proxecto Avanzando na compresión dos mecanismos físicos implicados desenvolvemento e persistencia dos eventos extremos de estrés térmico de alto impacto para o sector agrícola
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, lanzou este ano unha convocatoria de axudas destinada a financiar proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. A convocatoria xa está resolta e financiará catro estudos, un deles o do investigador do grupo Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Jorge Eiras.
O investigador realizará o proxecto Avanzando na compresión dos mecanismos físicos implicados desenvolvemento e persistencia dos eventos extremos de estrés térmico de alto impacto para o sector agrícola. Nel quere afondar nos mecanismos físicos que dan lugar aos episodios extremos de estrés térmico que ameazan a agricultura. Combinará dúas liñas de traballo: a creación dun catálogo de episodios históricos (baseado en datos de reanálise ERA5 e índices biometeorolóxicos, cruzado con información sobre o uso agrícola do solo) e a cuantificación da orixe da calor en cada episodio mediante unha análise pseudo-lagranxiana, que descompón a anomalía de temperatura nas súas contribucións de advección, subsidencia e procesos diabáticos. O resultado será unha clasificación dos eventos segundo o seu mecanismo dominante, con aplicacións na predición, na alerta temperá e na adaptación da agricultura fronte ao cambio climático.
Cun orzamento de 80.000 euros, a iniciativa do Campus da Auga busca potenciar a captación e retención de talento, concretamente do persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal no campus de Ourense, e potenciar as liñas de investigación do Campus Auga. As axudas están financiadas ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027). A subvención para cada proxecto ascende a 20.000 euros e destinarase a financiar a investigación durante a anualidade 2026, na que deberá executarse o plan de traballo presentado.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
