A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) concede á Universidade de Vigo un financiamento total de 311.650 euros para o desenvolvemento de dez proxectos de cultura científica que se executarán no período 2026-2027. Esta cifra, correspondente á convocatoria de axudas de 2025, consolida e reforza a tendencia ascendente da institución olívica no acceso a este tipo de axudas, superando os resultados das edicións anteriores. Dos dez proxectos subvencionados, tres son iniciativas novas, mentres que outras sete xa foran seleccionadas en convocatorias previas, polo que continuarán con novas edicións achegando a ciencia e a innovación á cidadanía.
Entre os proxectos relacionados coa divulgación creativa, o CIM captou fondos da FECYT para desenvolver unha segunda edición da iniciativa Mar emerxente: ciencia mariña e arte pictórica, que propón un diálogo entre arte e ciencia mariña mediante a colaboración entre artistas e persoal investigador.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.