Segundo un estudo liderado por USC e Cispac no que colaboran investigadores da UVigo. Os datos obtivéronse da análise paleoecolóxica da fauna do xacemento arqueolóxico de Cova Eirós
Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente do pasado nas serras orientais galegas. A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac), conta coa colaboración de dous membros da Universidade de Vigo: Iván Rey Rodríguez, investigador posdoutoral que forma parte do grupo MAPAS Lab do CIM-UVigo e Mikel Díaz Rodríguez, profesor interino da Facultade de Historia que tamén forma parte do Cispac. Xunto con eles, asinan este estudo Carlos Fernández Rodríguez (ULE); Álvaro Ibáñez Encinas (USC/Cispac); Tania Mosquera Castro (USC/Cispac); Arturo de Lombera Hermida (Uniovi); Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/Cispac).
O traballo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, consistiu na análise zooarqueolóxica dos niveis 3, 2 e 1 do xacemento, os cales representan unha cronoloxía de entre 41.000 e 17.000 anos. Durante este amplo período, déronse ocupacións tanto dos últimos neandertais (nivel 3) como distintas fases de ocupación dos primeiros Homo sapiens que chegan ao noroeste peninsular (niveis 2 e 1), polo que a investigación permitiu comparar como evolucionou o medio ao que se enfrontaron as nosas e os nosos antepasados.
Unha Galicia máis fría e chuviosa
Mediante a identificación taxonómica de máis de 400 animais de, polo menos, 36 especies distintas e a aplicación de modelos paleoecolóxicos, foi posible inferir o tipo de vexetación presente na contorna inmediata da cavidade e estimar a temperatura e as precipitacións aproximadas para cada un dos tres niveis analizados. Entre os resultados destaca a identificación dunha Galicia moito máis fría que na actualidade, cun descenso de ata 3,6 ºC na temperatura media anual. Non obstante, a pesar das baixas temperaturas, o réxime de precipitacións mantívose relativamente elevado, con estimacións por riba dos 1000 mm anuais en todos os niveis. A tendencia, non obstante, mostra que ao longo da Idade do Xeo o territorio foise atemperando progresivamente e recibindo maiores precipitacións, sempre nun marco dunha contorna relativamente arborada intercalada con extensas pradarías húmidas. Estes elementos permiten situar as serras orientais de Galicia como unha potencial área de refuxio climático, unha zona cunhas condicións de temperatura, humidade e vexetación propicias para o mantemento de comunidades de cazadores-recolectores.
En concreto, o papel do investigador da UVigo Iván Rey centrouse, como el mesmo explica, “no estudo dos micromamíferos e a reconstrución paleoambiental do xacimento, achegando a evidencia sobre clima, vecetación e dinámica ecolóxica durante o Paleolítico medio e superior.”
Esta investigación enmárcase no proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2” financiado por MICIU/AEI /10.13039/501100011033 y por FEDER, UE. As intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós contan con financiación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI
