Supón un recoñecemento internacional para esta iniciativa. Os científicos da UVigo buscan revolucionar a produción de pensos para acuicultura
O proxecto europeo AlFunFeed, liderado polo catedrático José Luis Soengas do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, foi incorporado pola Unesco como Decade Action – Project dentro da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible. Esta iniciativa global da ONU, coordinada pola Unesco, funciona como un marco para impulsar proxectos, investigacións e accións colaborativas entre gobernos, persoal científico, ONG, empresas e sociedade civil. O seu obxectivo é fomentar iniciativas concretas de ciencia, innovación e políticas para protexer e restaurar os océanos, polo que AlFunFeed pasa a formar parte deste conxunto internacional de iniciativas científicas que contribúen a este fin.
Revolucionar a produción de pensos para acuicultura
AlFunFeed busca revolucionar a produción de pensos para acuicultura mediante procesos biotecnolóxicos innovadores. Concretamente, pretende desenvolver novos propostas substituíndo as proteínas vexetais por proteínas obtidas de fungos unicelulares mediante a súa fermentación con residuos de macroalgas. Desta forma, contribúe a facer o sector máis sostible e a reducir a pegada de carbono asociada á produción de alimento para peixes.
O proxecto forma parte da convocatoria Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), vinculada ao programa Horizonte Europa, e conta cun financiamento de 1,23 millóns de euros. A proposta está coordinada polo grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish) do CIM, centro que pertence á Rede Cigus da Xunta de Galicia, e é a única liderada por un equipo de investigación español entre as seleccionadas nesta convocatoria.
Unha alternativa que aposta pola economía circular
AlFunFeed aposta por un modelo de economía circular ao reutilizar descartes de macroalgas na produción destas proteínas, ofrecendo un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies carnívoras como a robaliza europea, de gran relevancia comercial, que serán extrapolables para outras especies de peixes relevantes en acuicultura como o rodaballo, a dourada, o salmón, etc.
Na actualidade, o equipo investigador está a piques de obter o primeiro lote de proteína fúnxica unicelular producida a partir deste proceso. A partir desta materia prima, formularanse dietas experimentais para peixes neste mes de xullo, momento no que tamén está previsto iniciar os primeiros ensaios de alimentación con exemplares en condicións controladas.
Esta alternativa contribuiría a diminuír a pegada de carbono do proceso, mellorar a saúde e o benestar dos peixes e garantir unha maior estabilidade na subministración de ingredientes, ao prescindir de recursos estacionais ou extractivos.
Un consorcio europeo multidisciplinar
Ademais do CIM, o consorcio conta tamén coa participación da empresa galega de biotecnoloxia ODS Protein, representada por Iria Varela, e outros tres grupos de investigación procedentes da Università Politecnica delle Marche (Italia), con Ike Olivotto á cabeza; do centro CIIMAR (Portugal), a través de Benjamin Costas; e da Universidade de Tesalia (Grecia) baixo a dirección de Kostas Kormas. Ademais, cóntase tamén coa colaboración da Federación italiana de pesca e acuicultura (Federpesca), representando á sociedade, e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia como representantes da administración.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI

