Vigo reúne a preto de 400 especialistas para reforzar a alianza entre investigación, empresa, administración e sociedade en favor dunha acuicultura sostible

Vigo reúne a preto de 400 especialistas para reforzar a alianza entre investigación, empresa, administración e sociedade en favor dunha acuicultura sostible

No XX Congreso Nacional de Acuicultura. O investigador do CIM e catedrático da UVigo José Luis Soengas copreside a organización dun encontro que regresa a Galicia corenta anos despois da súa primeira edición

Vigo acolle desde este luns a XX edición do Congreso Nacional de Acuicultura (CNA), unha cita que reúne a preto de 400 investigadores e investigadoras, representantes de empresas, administracións públicas e entidades vinculadas á acuicultura de todo o país.

O acto inaugural contou coa participación do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; da conselleira do Mar, Marta Villaverde; do alcalde de Vigo, Abel Caballero; da presidenta da Sociedade Española de Acuicultura (SEA), Cristina Tomás; e dos copresidentes do comité organizador, Carlos Pereira Dopazo, da Universidade de Santiago de Compostela, e José Luis Soengas, catedrático do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo.

A edición deste ano ten un significado especial, xa que coincide co 40 aniversario da celebración do primeiro Congreso Nacional de Acuicultura, organizado no Grove en 1985. Baixo o lema “Regreso a los orígenes”, o encontro volve a Galicia para recoñecer o papel que a comunidade autónoma desempeñou no desenvolvemento científico, tecnolóxico e produtivo da acuicultura española.

Durante a inauguración, Soengas agradeceu o respaldo institucional recibido e puxo en valor “a relevancia dun encontro que sitúa a Galicia no centro do debate sobre o futuro da acuicultura”.

Investigación e innovación para afrontar os retos da acuicultura

As intervencións da xornada inaugural coincidiron en sinalar a investigación e a innovación como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da acuicultura e responder aos retos ambientais, produtivos e sociais aos que se enfronta o sector.

A presidenta da Sociedade Española de Acuicultura (SEA), Cristina Tomás, afirmou que “España é un referente europeo en produción acuícola” e subliñou que “o coñecemento científico e a innovación son elementos determinantes para dar resposta aos desafíos actuais e avanzar cara a sistemas de produción máis eficientes e sostibles”. 

Na mesma liña, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, defendeu que “a investigación e a innovación para unha acuicultura sostible son absolutamente fundamentais nun contexto marcado pola necesidade de garantir a seguridade alimentaria, adaptarse ao cambio climático e avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles”. Planas puxo de manifesto que “España é o principal produtor de acuicultura da Unión Europea e un referente en calidade, diversidade e innovación”. “Un exemplo claro disto é Galicia”, engadiu.

Durante a súa intervención, Planas destacou ademais o papel estratéxico de Galicia, á que definiu como “líder indiscutible” na produción de cultivos mariños en España. O ministro lembrou que a comunidade conta con 4.783 instalacións acuícolas, nas que conviven a tradición artesanal e a innovación tecnolóxica, e lembrou que “España é actualmente o principal produtor de acuicultura da Unión Europea en volumen”.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo o foco na necesidade de reforzar a colaboración entre o sector produtivo e a comunidade científica para asegurar o futuro da actividade. “A clave está nesa coordinación estreita entre o sector produtivo e o coñecemento científico”, estableceu, destacando que “a alianza entre quen traballa nas bateas e instalacións de cultivo e quen investiga nos laboratorios resulta esencial para afrontar os retos do sector”.

Villaverde insitiu ademais no peso da acuicultura en Galicia, con máis de 2.600 empresas, arredor de 5.600 empregos e unha facturación superior aos 247 millóns de euros. Así mesmo, destacou que preto do 94 % da produción española de acuicultura mariña corresponde ao mexillón galego, un dos principais referentes do sector a nivel nacional.

A sociedade incorpórase como cuarto piar do Congreso

Carlos Pereira, copresidente do comité organizador, incidiu en que este encontro naceu sobre tres piares fundamentais —investigación, empresa e administración— e afirmou que, por primeira vez, se incorpora de forma explícita a participación da sociedade.

“De nada serve que vaiamos da man a investigación, as empresas e a administración se a sociedade non coñece o traballo que estamos a realizar para construír unha acuicultura sostible e con futuro”, indicou.

Presencia do CIM

O Congreso Nacional de Acuicultura reúne durante catro días a especialistas de toda España para debater sobre nutrición, benestar animal, sanidade, sostibilidade, cambio climático, novas tecnoloxías e dixitalización aplicadas á produción acuícola.

Persoal investigador do CIM presentará un total de dez comunicacións científicas centradas nalgúns dos principais desafíos da acuicultura actual. Entre elas figuran estudos sobre alimentación e nutrición de peixes, como a avaliación de dietas para analizar a inxesta en troita arco da vella  ou a optimización de pensos baseados en ingredientes vexetais para mellorar a sustentabilidade dos cultivos.

Tamén se presentarán avances en xenética e mellora de moluscos, incluíndo a produción de liñas unisex de mexillón mediante selección asistida por marcadores moleculares e a súa validación en batea. As investigacións do CIM abordarán ademais cuestións relacionadas co benestar animal, así como iniciativas de divulgación e comunicación científica orientadas a mellorar a percepción social da acuicultura.

Manuel Barange recibe o primeiro Premio CNA

Un dos momentos máis destacados da xornada inaugural foi a entrega do primeiro Premio CNA a Manuel Barange, subdirector xeral e director da División de Pesca e Acuicultura da Organización da FAO. Con este recoñecemento, a organización quixo poñer en valor unha traxectoria profesional marcada pola promoción de políticas internacionais orientadas a garantir a sostibilidade dos océanos e a subministración futura de alimentos acuáticos.

Tras recibir o galardón, Barange pronunciou a conferencia inaugural do congreso, centrada nos desafíos globais aos que se enfronta a acuicultura nun contexto de crecemento da demanda alimentaria, cambio climático e transformación dos sistemas produtivos. Durante a súa intervención defendeu o papel estratéxico da acuicultura para garantir o acceso futuro á proteína acuática e apostou por reforzar a investigación, a innovación e a cooperación internacional como ferramentas para asegurar o desenvolvemento sostible do sector.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)