No marco do proxecto Impactarte. A mostra, impulsada pola investigadora do CIM Ángela Fontán Bouzas, poderá visitarse do 16 ao 21 de xuño e inclúe tres charlas divulgativas abertas ao público
A arte pode axudar a reconstruír a historia climática das nosas costas. Con esa premisa nace ImpactARTE. A arte como arquivo da memoria climática das costas, unha exposición impulsada pola investigadora do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo Ángela Fontán Bouzas que poderá visitarse no Museo do Mar de Galicia do 16 ao 21 de xuño. A mostra propón unha innovadora aproximación aos efectos do cambio climático nos ecosistemas costeiros a través do diálogo entre a arte, a historia e a ciencia.
A iniciativa forma parte do proxecto ImpactARTE, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e nace co obxectivo de explorar como as representacións artísticas do litoral poden contribuír á investigación científica sobre os cambios ambientais ocorridos ao longo do tempo.
A través dunha selección de obras pictóricas e materiais divulgativos, a exposición invita á cidadanía a descubrir como as paisaxes costeiras, os fenómenos meteorolóxicos extremos, a actividade pesqueira ou a relación das comunidades co mar quedaron reflectidas en distintas creacións artísticas e poden servir hoxe como valiosos rexistros para comprender a evolución do clima e dos ecosistemas mariños.
A arte como fonte de coñecemento científico
ImpactARTE reúne nun mesmo proxecto persoal investigador en ciencias mariñas, especialistas en historia da arte e profesionais da ilustración para analizar o potencial das obras artísticas como ferramenta complementaria á investigación ambiental. A iniciativa busca demostrar que moitas pinturas, gravados ou representacións costeiras constitúen auténticos arquivos visuais capaces de achegar información sobre episodios climáticos pasados, cambios na liña de costa ou transformacións das actividades humanas vinculadas ao mar.
Segundo explica a investigadora do CIM Ángela Fontán Bouzas, o proxecto pretende abrir novas vías de colaboración entre disciplinas tradicionalmente afastadas e contribuír a facer máis accesible á sociedade a investigación sobre o cambio climático. “A arte ofrece unha perspectiva única para comprender a evolución das nosas costas e conectar coa cidadanía a través dunha linguaxe visual e emocional”, sinala.
Charlas divulgativas abertas ao público
Como complemento á exposición, o Salón de Actos do Museo do Mar acollerá tres charlas informativas impartidas por Daniel Cajade Pascual, profesor do Departamento de Xeografía da Universidade Autónoma de Madrid e membro do proxecto ImpactARTE.
As charlas informativas terán lugar no Salón de Actos do Museo do Mar o martes 16 de xuño ás 11:30 e ás 16:30 horas, así como o mércores 17 de xuño ás 11:30 horas.
Durante estes encontros explicarase como a análise de obras artísticas pode complementar os rexistros científicos convencionais e contribuír á comprensión dos impactos do cambio climático nas zonas costeiras da península ibérica.
A exposición poderá visitarse no horario habitual do Museo do Mar de Galicia e forma parte das actividades de divulgación científica promovidas polo CIM para achegar á sociedade novas formas de interpretar e comprender os desafíos ambientais que afronta o océano.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI

