O CIM constitúe o primeiro Banco Nacional de Area de praia de España

O CIM constitúe o primeiro Banco Nacional de Area de praia de España

Con máis de 130 mostras recollidas pola cidadanía en toda a península ibérica. Dentro de Iberarenum, un proxecto financiado pola FECYT que se consolida como unha iniciativa pioneira de ciencia cidadá

Cada gran de area garda unha historia e moita información que pode ser vital nun contexto de cambio climático. O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acaba de constituír o primeiro Banco Nacional de Area de praia de España no marco do proxecto Iberarenum, un fito científico construído grao a grao coa participación de particulares, centros educativos e asociacións.

O banco conta xa con máis de 130 mostras procedentes de praias de toda a península ibérica, recollidas pola cidadanía seguindo unhas instrucións de mostraxe facilitadas polo equipo investigador e enviadas posteriormente á Universidade de Vigo para a súa catalogación e análise. A parte expositiva das mostras estará a disposición do público na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, convertendo o resultado desta investigación nun recurso accesible e visible para toda a sociedade.

O proxecto, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT), artellouse a través de diversas canles de participación cidadá. Ademais das mostraxes individuais achegadas, celebráronse varias xornadas públicas divulgativas de recollida de area nas que a cidadanía puido participar directamente no proceso científico. Paralelamente, o equipo desenvolveu unidades didácticas dispoñibles na web do proxecto para que docentes, centros educativos e particulares que o desexen poidan traballar cos contidos do proxecto na aula ou de forma autónoma.

Un proxecto sen data de caducidade

IberaRenum é un proxecto sen data de caducidade. O obxectivo do CIM é manter e seguir facendo que o banco de area crezca ao longo do tempo reunindo novas mostras e analizándoas con fondos propios do CIM, construíndo así un arquivo científico de referencia sobre as praias ibéricas e a súa evolución.

Para o director do CIM, Daniel Rey, destaca o gran valor científico e social que ten esta iniciativa. “Involucrar á sociedade no proceso científico é unha poderosa ferramenta para dar a coñecer o medio mariño e a importancia de conservalo. As praias son ecosistemas en constante cambio debido a factores como o clima ou as características xeolóxicas da súa contorna, e analizar a area axúdanos a comprender a súa evolución, os impactos do cambio climático e permite mellorar a xestión sostible dos recursos costeiros”, subliñou.

O proxecto mantén uns obxectivos a longo prazo xa que, como explica Daniel Rey,  “queremos que IberaRenum sexa un recurso vivo, que creza e que sirva non só á comunidade científica senón tamén á sociedade. Que un docente poida usar as nosas unidades didácticas, que unha familia poida vir ver as mostras na Facultade ou que un concello costeiro poida consultar os nosos datos para tomar mellores decisións sobre a xestión das súas praias. Iso é o que queremos construír”.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)