A investigadora romanesa Liliana Rusu recibirá o Premio CIM 2026 pola súa contribución ao desenvolvemento das enerxías renovables mariñas

A investigadora romanesa Liliana Rusu recibirá o Premio CIM 2026 pola súa contribución ao desenvolvemento das enerxías renovables mariñas

O galardón seralle entregado na IV Asemblea Anual CIMentos que terá lugar en outubro. Está entre o 2% das científicas máis influentes do mundo polas súas achegas á modelización das ondas

A investigadora romanesa Liliana Rusu, experta en enerxías renovables mariñas, recibirá o Premio CIM 2026. A concesión desta distinción responde á súa destacada traxectoria científica que contribuíu ao avance do coñecemento sobre os recursos enerxéticos do océano e ao desenvolvemento de ferramentas e metodoloxías de referencia internacional no ámbito da enxeñaría oceánica. 

Profesora da Universidade Dunărea de Jos de Galați, desenvolveu unha carreira de referencia internacional centrada no estudo da dinámica das ondas, na avaliación do potencial enerxético do vento e das ondas en distintas rexións do mundo e no desenvolvemento de ferramentas de modelización para unha mellor comprensión e aproveitamento dos recursos enerxéticos mariños. Rusu recibirá o galardón durante a IV Asemblea Anual CIMentos, que se celebrará en Vigo o vindeiro mes de outubro.

Unha carreira científica de impacto internacional

Liliana Rusu é investigadora do Departamento de Enxeñaría Mecánica da Facultade de Enxeñaría da Universidade Dunărea de Jos de Galați (Romanía). Obtivo o seu primeiro doutoramento en Enxeñaría Mecánica nesta mesma universidade en 2006 e completou un segundo doutoramento en Enxeñaría Mariña e Arquitectura Naval na Universidade de Lisboa en 2009.

Ao longo da súa traxectoria mantivo unha estreita colaboración co Centro de Tecnoloxía Mariña e Enxeñaría Oceánica (Centec) da Universidade de Lisboa, primeiro como investigadora posdoutoral e posteriormente como profesora colaboradora.

As súas principais liñas de investigación abranguen a modelización das ondas, a caracterización do clima marítimo en diferentes áreas xeográficas e a avaliación dos recursos de enerxía undimotriz. Tamén traballa na asimilación de datos de observación, incluídos datos de satélite sobre o estado do mar, para mellorar a capacidade preditiva dos modelos numéricos de ondas.

Unha voz destacada na investigación mariña europea

Desde 2017 entrou a formar a parte do grupo de expertos en coñecemento mariño da Comisión Europea e, desde 2016, é membro do Consello Nacional de Ética para as Actividades de Investigación de Romanía. Entre 2018 e 2023 coordinou as Misións Científicas de Curta Duración do proxecto WECANet (A Pan-European Network for Marine Renewable Energy), unha das principais redes europeas dedicadas á investigación en enerxías renovables mariñas.

En 2024 foi elixida membro correspondente da Academia de Ciencias Técnicas de Romanía. Ademais, desde 2020 figura entre o 2% das persoas investigadoras máis influentes do mundo segundo a clasificación elaborada pola Universidade de Stanford e Elsevier, tanto na categoría de traxectoria científica completa como na de produción anual.

Galardoados en edicións anteriores

O Premio CIM distingue anualmente investigadoras e investigadores de prestixio internacional cuxo traballo supuxo unha contribución relevante ao avance das ciencias mariñas. Nas edicións anteriores foi recoñecida María Dornelas, da Universidade de St Andrews, polos seus estudos pioneiros sobre biodiversidade mariña, e Enric Gisbert, do IRTA, polas súas achegas á investigación en acuicultura.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)