Unha década do CIM e vinte anos da Ecimat consolidan a UVigo como referencia europea na ciencia mariña

Unha década do CIM e vinte anos da Ecimat consolidan a UVigo como referencia europea na ciencia mariña

O CIM converteuse nun dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego. A Ecimat consolidouse como infraestrutura de referencia para a experimentación mariña europea

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebra este 2026 o seu décimo aniversario nun momento de máxima consolidación científica e institucional, logo de se converter nun dos principais referentes da investigación mariña no arco atlántico europeo, combinando excelencia científica, captación de fondos competitivos, infraestruturas singulares e unha crecente proxección internacional.

Creado en 2016 para integrar e potenciar a investigación mariña da UVigo, o CIM, que forma parte da rede Cigus da Xunta de Galicia, agrupa na actualidade máis de 200 persoas entre persoal investigador, técnico e investigador en formación, articuladas arredor de 16 grupos de investigación. “A celebración do 10º aniversario do CIM coincide, ademais, cos 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), unha infraestrutura científica estratéxica do Centro de Investigación Mariña e unha das plataformas de investigación experimental mariña máis singulares do sur de Europa”, destaca Daniel Rey, director do CIM. Ambas as dúas efemérides celebraranse nun acto institucional o luns 8 de maio, coincidindo do Día Mundial dos Océanos, a carón da Ecimat, na illa de Toralla.

Un centro con forte proxección internacional para afrontar os retos do océano

Na súa primeira década de existencia, o CIM foi quen de posicionarse entre os centros europeos con maior rendemento científico relativo no ámbito mariño, publicando máis de 200 artigos científicos de alto impacto ao ano, máis da metade liderados desde o propio centro e cunha taxa de colaboración internacional superior ao 75 %. 

“Entre sete e 11 investigadores e investigadoras do centro figuran de maneira recorrente no 2% máis citado do mundo segundo o ranking de Stanford, mentres que a oceanografía da UVigo situouse no rango 51-75 do ranking de Shanghai en 2024, situándose regularmente entre os 100 primeiros”, destaca Daniel Rey, que lembra que nos últimos anos, o CIM superou os 38 millóns de euros captados en financiamento competitivo, acadando en 2024 un récord histórico de 5,4 millóns anuais e reforzando a súa participación en programas europeos como Horizonte Europa, Interreg ou MSCA.

Desde unha aproximación multidisciplinar, o centro desenvolve investigación punteira sobre o impacto do quecemento das rías, as proliferacións de algas nocivas, os efectos da contaminación por plásticos ou a resposta dos ecosistemas costeiros aos eventos extremos, contribuíndo tamén á sustentabilidade de sectores fundamentais para Galicia como o mexillón, o marisqueo ou a acuicultura. “Unha visión multienfoque que lle permite abordar os grandes desafíos mariños desde diferentes escalas e perspectivas, combinando investigación fundamental, experimentación, observación oceánica, análise de datos e modelización avanzada”, explica o director do CIM. 

Infraestruturas científicas únicas en Europa e conexión co territorio

A súa aposta pola creación de infraestruturas científicas singulares para a observación e experimentación mariña integrada, levou a o CIM nos últimos anos a reforzar as capacidades da Ecimat, coa incorporación dunha batea experimental fondeada na ría de Aldán, un sistema avanzado de mesocosmos na Estación de Ciencias Mariñas e un novo buque oceanográfico científico híbrido enchufable de última xeración. 

Así mesmo, “o CIM mantén unha relación especialmente estreita co tecido institucional, social e empresarial vinculado ao mar. Só en 2025, o centro mobilizou máis de 1,6 millóns de euros en contratos, servizos e colaboracións con entidades públicas e privadas”, lembra Daniel Rey, que tamén destaca o intenso labor de divulgación, inclusión e alfabetización oceánica que desenvolve o CIM, “para trasladar á sociedade a importancia do océano e a súa influencia directa sobre o clima, a biodiversidade, a alimentación e o benestar das persoas”.

Unha nova etapa de expansión

Cumprida a súa primeira década de existencia, o CIM enfronta “unha nova fase marcada polo crecemento científico e institucional, destacando entre os proxectos existentes o futuro edificio do centro na ETEA, pensado para reforzar as capacidades de investigación mariña da Universidade de Vigo nun espazo integrado a pé de mar”, sinala Daniel Rey.

Ao longo deste ano desenvolveranse diferentes actividades para conmemorar os aniversarios do CIM e da Ecimat, culminando no acto central previsto para o 8 de xuño. Baixo o lema “Dúas décadas investigando o mar. Unha década liderando o futuro”, o CIM reivindicará o papel da ciencia mariña como ferramenta esencial para afrontar os grandes desafíos ambientais, sociais e económicos das próximas décadas.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)