Co obxectivo de achegar a xeoloxía á sociedade e demostrar a súa relevancia. Organizado pola Facultade de CC do Mar a e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
Cun percorrido guiado dunhas dúas horas e media de duración polas praias de Areas Gordas, A Lapa e Montalvo, Sanxenxo converterase o vindeiro domingo, 10 de maio, no escenario dunha nova edición do Xeolodía, unha iniciativa coordinada a nivel nacional pola Sociedad Geológica de España (SGE). “O obxectivo é achegar a xeoloxía á sociedade e demostrar a súa relevancia como ciencia atractiva e útil para a nosa contorna”, explica Bienvenido Diez, investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM), catedrático do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio da UVigo que, a través de profesorado da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, encárgase da organización do evento a nivel local.
Sanxenxo: Roca, Mar e Tempo é o título da xornada gratuíta e na que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse previamente nalgunha das 150 prazas dispoñibles. Como medida para promover a inclusión, o último grupo que participe na xornada contará cun percorrido adaptado especificamente deseñado para persoas con mobilidade reducida.
Descubrindo aspectos xeolóxicos clave da costa
No transcurso da ruta, as persoas participantes poderán aprender aspectos xeolóxicos clave da costa da zona, como a formación tómbolos, os procesos de erosión, a interpretación das rochas metamórficas do substrato, formadas durante a Oroxenia Varisca, e a singularidade dos depósitos sedimentarios tipo pracer.
“A actividade céntrase na visita a tres praias do concello de Sanxenxo, onde se explican diferentes procesos xeolóxicos da contorna, como as características xeomorfolóxicas, sedimentolóxicas, etc.”, explica Diez. A primeira parte da visita consistirá nun percorrido polas praias de Areas Gordas e A Lapa, onde se describirán a formación dos areais, o tómbolo, a erosión costeira, as rochas do substrato e o metamorfismo de contacto. “A praia é unha zona costeira onde se acumulan sedimentos pola acción das ondas, mareas e correntes. E un tómbolo é unha ponte natural de sedimentos que conecta unha illa co continente, que se forma cando as ondas e correntes depositan área detrás da illa, acumulando sedimentos ata crear unha franxa de une as masas de terra”, detalla o catedrático da UVigo.
Na segunda parte da visita explicaranse os depósitos de tipo pracer na zona norte da praia de Montalbo. “Neste areal, o depósito aparece como capas alternantes de minerais densos escuros e minerais lixeiros claros, con espesores variables a escala centimétrica pola influencia da ondada estacional” explica Bienvenido Diez, que anima á cidadanía a participar nunha nova edición do Xeolodía.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI

