Liderado por persoal investigador do CIM, o traballo, financiado pola Deputación de Pontevedra, confirma que é posible simplificar a análise ambiental e usar ferramentas máis económicas para democratizar o proceso
O proxecto AQUASENSE, liderado pola investigadora Vanesa Romero do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, aporta solucións analíticas máis accesibles, portátiles e adaptables a contornas non especializadas para a detección de contaminantes en augas naturais.
O traballo, financiado polo programa de axudas da Deputación de Pontevedra, centrouse no desenvolvemento de solucións sostibles e accesibles para detectar contaminantes como metais pesados ou compostos nitroxenados en augas naturais, apostando por dispositivos analíticos portátiles e de baixo custo feitos con materiais como celulosa. Ademais, usou a miniaturización como alternativa ás técnicas convencionais, reducindo custos, residuos e complexidade. Trátase dunha iniciativa que combina innovación, química verde e responsabilidade social para mellorar a vixilancia ambiental das augas naturais.
“A idea é que a detección de contaminantes non sexa un privilexio de grandes laboratorios”, explicou Vanesa Romero. “Queremos achegar solucións que poidan utilizarse en contextos con recursos limitados, contribuíndo a coidar o medio ambiente e apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os relacionados coa auga limpa e a produción responsable”, endagidu.
Método rápido, económico e sostible
O deseño dos dispositivos comeza cun substrato de celulosa comercial (papel de filtro) sobre o cal se marcan canles hidrofóbicas moi pequenas (coma camiños), para guiar os líquidos cara zonas concretas do substrato. Estas zonas poden conter reactivos secos que xeran unha resposta química (como un cambio de cor, emisión de fluorescencia ou quimioluminiscencia) en presenza de determinadas substancias, permitindo detectar, por exemplo, se unha mostra contén un contaminante específico.
“Ofrecemos solucións analíticas máis accesibles e portables, demostrando a viabilidade de equipamentos en formatos compactos, de baixo custo, portátiles e facilmente adaptables a contornas non especializadas”, explicou Vanesa Romero.
Un dos avances máis destacados de AQUASENSE é a posibilidade de rexistrar a resposta química mediante a cámara dun teléfono móbil e procesar esa imaxe con software de acceso libre, o que permite interpretar resultados e cuantificar contaminantes cun menor tempo e custo.
“A investigación confirma que a análise ambiental pode facerse máis democrática”, sinala Vanesa Romero. “Estes resultados abren a porta a ferramentas que poden empregarse en contextos con recursos limitados, achegando a vixilancia da calidade da auga á sociedade”.
Ademais, o proxecto avaliou o impacto ambiental do método analítico completo, aplicando principios de química verde para garantir que todo o proceso, dende a fabricación ata a análise, cumpra cos criterios de sustentabilidade.
Con AQUASENSE, o CIM reforza o seu compromiso coa investigación aplicada e socialmente relevante, demostrando como a innovación científica pode contribuír a un futuro máis sostible e inclusivo.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI