O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O catálogo 'Quero ser investigadora' alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

Conta coa historia da investigadora do CIM Maite Rodríguez DeCastro. Financiado pola FECYT, forma parte das actividades da UCC+i

A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”. 

O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.

Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos diversos. Entre elas está a física Maite Rodríguez DeCastro, investigadora do grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), que lembra que, á hora de escoller un camiño profesional, valorou positivamente varios aspectos da carreira investigadora, como desenvolver tarefas moi diversas ou manter unha formación continua. 

Novos recursos educativos 

Seguindo a liña da edición anterior, Quero ser investigadora incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.

O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. Complétase cunha guía didáctica e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma Genially, concretamente unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)