O Campus Auga financia cinco proxectos relacionados co sector agroalimentario feitos por persoal investigador destacado

O Campus Auga financia cinco proxectos relacionados co sector agroalimentario feitos por persoal investigador destacado

A través da convocatoria de axudas Inou+ Posdou. Entre eles o do investigador do CIM Albenis Pérez sobre o transporte atmosférico da humidade e calor

O Campus Auga financiará cinco proxectos relacionados co sector agroalimentario desenvolvidos por persoal investigador destacado da Universidade de Vigo a través da convocatoria de axudas Inou+ Posdou. As iniciativas céntranse en temáticas como a revalorización do bagazo, da pel de pataca, de macroalgas e de variedades tradicionais de millo galego; no control sostible do mildio e no impacto do cambio climático na agricultura en Sudamérica. 

Os proxectos son os beneficiarios da convocatoria da Vicerreitoría do campus de Ourense de axudas a proxectos de persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense-Campus Auga (Inou+ Posdou Campus Auga 2026). A iniciativa está financiada no marco do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). A súa finalidade é contribuír a potenciar as liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, o Campus Auga. Igualmente, a convocatoria quere ser unha vía de retención de talento, para que o persoal investigador novo con contribucións científico-técnicas relevantes e innovadoras teña a posibilidade de liderar proxectos. As axudas deste 2026 recaeron en cinco proxectos, aos que se destina un total de 50.000 euros. 

Entre os proxectos financiados está o do investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) Albenis Pérez realizará un proxecto sobre cambios futuros no transporte atmosférico da humidade e calor e o seu impacto nas condición hidroclimáticas das rexións de agricultura de secaño en Sudamérica. O investigador sinala que “a agricultura de secaño, piar da seguridade alimentaria global, é extremadamente vulnerable á variabilidade climática, debido á súa dependencia das precipitacións e especialmente á ocorrencia de eventos compostos de seca e calor”. Así, o seu traballo ten como obxectivo avaliar o risco hidroclimático e fenolóxico para a agricultura de secaño en Sudamérica, derivado dos cambios proxectados no transporte atmosférico de humidade e calor.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)