Marta Costas, Do CIM, participará coa charla ‘Do cosmos ao organismo humano: pegadas isotópicas’ o mércores 20 de maio ás 19.30 h no bar El Castro de Vigo
A ciencia sae este luns dos laboratorios e das aulas para instalarse nos bares vigueses coa celebración dunha nova edición de Pint of Science, o festival internacional de divulgación científica que, no caso vigués, se desenvolverá ata o mércores nos locais De Catro a Catro e El Castro. Investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo terán un papel protagonista nun programa que reúne 14 charlas gratuítas arredor de cuestións como a saúde, o medio ambiente, a intelixencia artificial, a química, a lingüística ou a tecnoloxía.
Participa persoal investigador de centros como atlanTTic, CINBIO, Cintecx, CIM ou o instituto de investigación iLingua, e entre todas e todos achegarán ao público os seus traballos nun formato próximo e distendido, co obxectivo de fomentar o diálogo directo entre a comunidade científica e a cidadanía. Entre elas estará investigadora do CIM Marta Costas, que o mércores 20 de maio chegará ao bar El Castro coa charla ‘Do cosmos ao organismo humano: pegadas isotópicas’. A programación desenvolverase cada día a partir das 19.30 horas.
Celebración simultánea en 114 cidades e vilas de todo o país
Ao longo destes tres días o festival gratuíto de ciencia en bares Pint of Science España levará un total de 1.300 investigadores e investigadoras a 114 cidades e vilas. Con máis dun milleiro de eventos repartidos en decenas de localidades, o festival aposta este ano por reforzar a súa presenza en contornas menos poboadas, levando a ciencia a bares de 29 áreas rurais que participan por primeira vez a través de charlas divulgativas, monólogos e experimentos nunha linguaxe sinxela e nun ambiente próximo e participativo. Tras cada sesión, o público poderá interactuar directamente cos científicos y científicas, favorecendo un diálogo aberto e accesible que satisfaga todas as súas preguntas e sede de ciencia.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Noticia completa DUVI