O Centro de Investigación Mariña (CIM) participou nesta nova edición da feira
A Universidade de Vigo participa desde este martes e ata o xoves en Navalia 2026, a Feira Internacional da Industria Naval que reúne no Instituto Feiral de Vigo a empresas, entidades e profesionais vinculados ao ámbito marítimo e naval procedentes de todo o mundo. A UVigo conta cun espazo centrado na transferencia de coñecemento, a tecnoloxía sostible e a colaboración co tecido empresarial, no que presenta diferentes capacidades científicas e tecnolóxicas orientadas a responder aos retos actuais do sector.
A través da participación dos centros de investigación atlanTTic, CIM e CINTECX, e co apoio da Oficina de I+D, a UVigo amosa en Navalia exemplos de investigación aplicada e proxectos colaborativos que conectan directamente coas necesidades da industria, especialmente en ámbitos relacionados coa transformación dixital, a sustentabilidade e a eficiencia enerxética.
Solucións tecnolóxicas para unha industria naval máis competitiva e sostible
O stand da UVigo reúne iniciativas centradas no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas capaces de impulsar a modernización do sector marítimo-industrial. Entre elas destacan aplicacións baseadas en intelixencia artificial, análise de datos, conectividade avanzada, sistemas intelixentes de monitorización e ferramentas dixitais orientadas á optimización de procesos e á seguridade.
Neste contexto, o Centro de Investigación Mariña (CIM) presenta en Navalia o seu potencial como socio científico-tecnolóxico de referencia para o sector naval e marítimo. O centro conta con capacidades que abranguen infraestruturas singulares como o buque oceanográfico CIM UVigo, primeiro buque profesional construído en España con propulsión híbrida enchufable; a modelización da dinámica de fluídos e a análise do seu impacto sobre infraestruturas marítimas; o deseño, eficiencia e durabilidade de parques eólicos mariños; a xestión e restauración costeira mediante solucións baseadas na natureza; e o desenvolvemento de ferramentas innovadoras para o seguimento, xestión e protección fronte á contaminación mariña.
A participación do CIM incluirá o mércores 20 unha demostración en directo dun sistema de operación remota submarina, cunha conexión en tempo real a un vehículo submarino non tripulado (ROV) operativo no mar a través de rede 5G. Esta demostración estará vinculada á batea experimental de investigación mariña do centro, situada na ría de Aldán.
Un escaparate internacional para o ecosistema naval
Navalia consolídase unha edición máis como un dos principais encontros europeos do ámbito naval e marítimo, reunindo centos de expositores e delegacións internacionais. A feira converte Vigo nun punto de encontro estratéxico para a xeración de alianzas, oportunidades de negocio e proxectos de cooperación internacional.
Neste contexto, a presenza da Universidade de Vigo busca reforzar a conexión entre investigación e empresa, promovendo a transferencia de coñecemento e contribuíndo ao desenvolvemento dun sector naval máis innovador, competitivo e sostible.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI