Colaboración IEO–CIM no estudo que achega as claves científicas do comportamento das algas nocivas nas Rías Baixas

Colaboración IEO–CIM no estudo que achega as claves científicas do comportamento das algas nocivas nas Rías Baixas

A investigación baséase en datos obtidos no proxecto Remedios, dirixido por Beatriz Mouriño. Coñecer a dinámica do fitoplancton é clave para mellorar a predición e xestión das mareas vermellas

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo colaborou co Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) e o Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar (Ifremer, polas súas siglas en francés), nun estudo que permite definir o nicho ecolóxico – conxunto de condicións ambientais, relacións bióticas e funcións que determinan o papel que xoga cada especie dentro dun ecosistema – de distintas especies de fitoplancto responsables de floracións algais nocivas (FAN) nas Rías Baixas. 

Concretamente, o traballo é froito da tese de doutoramento de Esther Velasco Senovilla presentada en 2025 no marco do Programa DoMar da Universidade de Vigo e usou os datos do proxecto Remedios, liderado pola investigadora Beatriz Mouriño, do grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM.

O estudo, que acaba de publicarse na revista Harmul Algae, presta especial atención a microalgas formadoras de floracións algales nocivas (FAN) frecuentes na zona, con impacto potencial sobre a saúde pública e a actividade marisqueira: Alexandrium minutumDinophysis acuminata e Pseudo-nitzschia spp., produtoras, respectivamente, de toxina paralizante (PSP), diarreica (DSP) e amnésica (AMP). 

Observacións de alta resolución

O traballo emprega observacións de alta resolución vertical, incluíndo mostras de fitoplancto recollidas co ‘Muestreador de Escala Fina’ deseñado no Ifremer. Este sistema permite obter simultaneamente 15 mostras, a intervalos de 20 cm, sen alterar a súa distribución natural, facilitando unha “mostraxe dirixida” en tempo real a capas de interese. Esta tecnoloxía permitiu detectar estruturas oceánicas e agregacións de organismos que pasan desapercibidos nos programas de seguimento convencionais onde se recollen mostras de auga a intervalos de varios metros. 

Os resultados permiten detallar o microhábitat específico das especies obxectivo. Mentres que D. acuminata e Pseudo-nitzschia spp. proliferan estreitamente ligadas á dinámica de circulación do afloramento costeiro -evento no que augas profundas ricas en nutrientes ascenden cara á superficie-e a formación de termoclinas (estratificación térmica)-, A. minutum predomina en zonas resgardadas ou ‘sombras de afloramento’ e prolifera tras períodos de fortes choivas primaverais e formación dunha delgada (5-6 m) capa superficial máis cálida e de menor salinidade (estratificación termohalina) con propiedades moi distintas da auga subxacente. Pero estas especies non están soas, senón que deben competir con especies acompañantes con estratexias adaptativas propias. 

“A descrición da micro-estrutura vertical da columna de auga e a formación de múltiples microhábitats separados por unhas decenas de centímetros é clave para comprender a coexistencia de especies de fitoplancto con diferentes adaptacións para o aproveitamento de recursos comúns”, destaca Velasco Senovilla, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeira autora do estudo.

Así, observouse que Pseudo-nitzschia spp. e A. minutum poden coincidir temporalmente, pero ocupando distintas capas de augas onde poden explotar as súas características específicas. Estes resultados achegan unha base científica fundamental para mellorar os sistemas de alerta temperá e a xestión dos peches preventivos da actividade marisqueira, ao identificar con maior precisión as condicións que favorecen cada tipo de floración. “Este traballo reforza a importancia de integrar escalas múltiples —temporais, espaciais e funcionais— no estudo do fitoplancto, con especial énfase nas estratexias adaptativas e interaccións físico-biolóxicas daquelas especies que representan un risco natural significativo para a explotación sostible dos recursos mariños nas Rías Baixas”, conclúe a autora.

Colaboración institucional

O traballo pon de relevo, ademais, o valor da colaboración entre institucións e o papel das campañas oceanográficas como a desenvolvida no proxecto Remedios, na xeración de coñecemento para a xestión sostible dos ecosistemas mariños.

A campaña levouse a cabo en 2018 durante tres semanas a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef. O equipo internacional, liderado pola investigadora do CIM Beatriz Mouriño, desenvolveu diversas liñas de investigación para analizar os factores que desencadean o crecemento do fitoplancto e a importancia da mestura das diferentes capas do océano.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)