Participación do CIM nun proxecto europeos sobre bioeconomía azul con aplicación directa na industria

Buscan o benestar animal en acuicultura e materiais sostibles desenvoltos a partir de macroalgas

A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e financiada polo programa Interreg Atlantic Area, acabar de pór en marcha os traballos seleccionados na súa segunda convocatoria de proxectos piloto en bioeconomía azul con aplicación directa no sector produtivo, sete iniciativas que presentan actividades de I+D+i en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais derivados do mar.

Un destes proxectos conta coa participación de persoal investigador do grupo PhysToFish, do propio CIM. Financiados con ata 30.000 euros e nove meses de duración, estes proxectos están concibidos como exemplos prácticos de como a investigación e a industria poden colaborar para desenvolver tecnoloxías e produtos que respondan ás necesidades dos sectores produtivos e da sociedade.

Ferramentas para avaliar o benestar dos peixes en acuicultura

O proxecto Colorhynchus, liderado polo investigador do grupo PhysToFish do CIM Mauro Chivite Alcalde, céntrase na validación de indicadores de benestar en tempo real para a troita arco da vella en acuicultura. O traballo aborda unha das principais limitacións actuais da acuicultura: a dificultade de identificar problemas de benestar antes de que deriven en perdas económicas ou na necesidade de intervencións veterinarias, incrementando a sustentabilidade e o benestar animal. “Avaliar o grao de benestar dun animal é unha tarefa complexa e, no caso dos peixes, resulta especialmente difícil debido ás diferenzas biolóxicas con respecto aos animais terrestres, nos que os estudos sobre benestar animal levan décadas desenvolvéndose. É por iso que a validación de indicadores de benestar fiables, reproducibles e sinxelos de aplicar en peixes constitúe un reto científico”, explica o investigador.

Colorhynchus estudará tres parámetros complementarios e non invasivos —o escurecemento da pel, a calidade do mucus e a sincronización do comportamento— como ferramentas de alerta temperá que poden ser implementadas de forma accesible en granxas de todo tipo de tamaño.

O consorcio inclúe a participación da Estación Mariña de Plentzia da UPV/EHU e da empresa Bio1OneHealth, Lda. “Obter financiamento para desenvolver este proxecto piloto é unha oportunidade para contribuír ao desenvolvemento de ferramentas prácticas que permitan avaliar o benestar dos peixes de forma temperá. No contexto da acuicultura, contar con indicadores capaces de alertar sobre un benestar comprometido, posibilita ao sector para actuar de forma preventiva, minimizando o sufrimento animal ao tempo que se reforza a viabilidade do sector “, afirma o investigador.

Un dos valores engadidos da iniciativa é que estas ferramentas están pensadas para seren implementadas en granxas acuícolas de pequeno e mediano tamaño, sen necesidade de formación especializada nin de tecnoloxías complexas, respondendo así aos retos identificados previamente pola comunidade Marinnonet.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)