Cristina Fernández e Lizbet Gutiérrez recibiron os seus galardóns no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Un ano máis, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrou a entrega de premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp 2025, unha iniciativa xa consolidada no calendario arredor das actividades do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A iniciativa aposta por amplificar voces femininas do ámbito mariño a condensar a esencia do seu traballo en pezas dun minutos, combinando creatividade e rigor.
A xornada foi inaugurada polo director do CIM, Daniel Rey, quen puxo o acento na necesidade de integrar a igualdade como eixo estrutural do sistema científico. “Usar o nome de Marie Tharp neste premio é un xeito de afirmar con claridade que a ciencia do presente e do futuro debe ser máis xusta, máis diversa e máis visible. Tamén é unha mensaxe para as novas xeracións. Hai espazo para o voso talento, hai camiño por percorrer e hai comunidade para acompañarvos”, sinalou.
Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña, un espazo interxeracional que permitiu confrontar experiencias, identificar transformacións e analizar desafíos persistentes. Participaron as investigadoras do CIM Ana Ulla, Ayelén Blanco e Nerea Cazás, xunto coa directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Yolanda Rodríguez. Rodríguez deu os parabéns ao CIM pola cuarta edición do Premio Marie Tharp, o que amosa o compromiso a longo prazo coa igualdade e coa visibilización do talento feminino, ademais de que é un exemplo de como se pode apostar polo futuro e as novas xeracións, xa que supón unha axuda para os perfís máis novos. “A ciencia precisa da vosa voz, ideas e actitude para avanzar cara a unha igualdade real”, recalcou.
O diálogo centrouse en cuestións que marcan a axenda actual sobre igualdade no ámbito científico como a consolidación de formas de liderado máis horizontais e inclusivas, o incremento da presenza feminina en postos de responsabilidade e os obstáculos que aínda dificultan ese acceso. As relatoras puxeron tamén a ollada na evolución do recoñecemento das mulleres investigadoras nas últimas décadas, así como no papel que desempeñan as redes sociais e os medios dixitais á hora de proxectar referentes, xerar comunidade e amplificar resultados. A reflexión completouse cun exercicio prospectivo arredor das novas xeracións: como interpretan as mozas que comezan a súa traxectoria profesional os modelos actuais e que cambios agardan dun sistema científico en transformación.
Pola súa banda, a presidenta da Comisión de Igualdade e Sustentabilidade do CIM, Ana Bernabeu, salientou a importancia de soster políticas continuadas no tempo. Ao seu xuízo, “a igualdade non é negociable, o retroceso non é unha opción e a ciencia debe seguir sendo un espazo de avance, no só en coñecemento, senón tamén en dereitos”.
Todas as participantes na mesa redonda confirmaron que se está avanzando polo bo camiño e que a presenza feminina está mellorando no ámbito científico, aínda que quedan moitos obstáculos por salvar, sobre todo no relativo ao liderado feminino, algo que consideran que debe atallarse dende as idades máis temperás, tanto con educación a nenas e nenas como ás propias familias para que colaboren neste labor. Destacaron ademais que é importante que os referentes que atopen as novas xeracións sexan próximos e accesibles.
Investigación premiada para unha acuicultura máis sostible
No ámbito competitivo, nesta edición seis investigadoras predoutorais presentaron as súas propostas audiovisuais. O premio principal recaeu en Cristina Fernández, do grupo PhystoFish. O seu traballo explora as posibilidades dos suplementos para mellorar os pensos empregados na acuicultura optimizando así a resposta fisiolóxica dos peixes e parámetros como o crecemento. A investigación pretende contribuír ao deseño de estratexias alimentarias máis eficientes e sustentables, aliñadas cos retos actuais do sector.
A mención especial foi para Lizbet Gutiérrez, do grupo XB2, quen desenvolve un Doutoramento Industrial en colaboración coa empresa INSATI centrado na depredación do mexillón nas rías galegas e nas súas consecuencias produtivas e socioeconómicas. O proxecto procura avanzar cara sistemas intelixentes de detección temperá que permitan minimizar perdas e favorecer solucións innovadoras de cara a unha acuicultura máis sostible.
Como xa é tradición, as gañadoras da edición anterior foron as encargadas de entregar os premios, nun relevo simbólico que reforza a idea de comunidade, continuidade e acompañamento entre xeracións de científicas. A dotación económica, 1500 euros por categoría e 500 para a mención especial, poderá destinarse á adquisición de equipamento informático ou á participación en congresos, contribuíndo así ao desenvolvemento profesional das premiadas.
Co Premio Marie Tharp, o CIM reafirma o seu compromiso cun modelo de ciencia máis aberto, diverso e socialmente conectado, no que comunicar tamén é construír igualdade.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.




