Leva anos sen poder extraerse por presentar elevadas concentracións de chumbo. O CIM analizará os sedimentos da ría para coñecer a orixe desta contaminación
Recuperar a comercialización da voandeira (Aequipecten opercularis) na ría de Vigo. Esta é a gran meta coa que arranca o proxecto Volaria, un traballo posto en marcha polo Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) e a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo xunto a persoal investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e o Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).
Trátase dun amplo consorcio de investigación co que se busca afondar no coñecemento da situación para dar solución a un problema que impide a extracción desta especie desde hai anos: os seus elevados niveis de chumbo. Para isto estudarán os factores biolóxicos que inflúen na bioacumulación deste metal pola voandeira e identificarán os factores físico-químicos que están a provocar niveis altos de chumbo na ría de Vigo.
Que revelan os sedimentos sobre o chumbo na ría?
O CIM colabora no proxecto a través da investigadora do grupo Geoma, Belén Rubio, que achegará ao proxecto a súa ampla experiencia en xeoquímica ambiental e no estudo da contaminación por metais pesados en sistemas costeiros. O seu traballo céntrase na análise da orixe e da dispersión do chumbo presente nos sedimentos mariños da ría de Vigo, un aspecto clave para comprender a persistencia deste contaminante nos bancos de voandeira.
Para iso, o equipo do CIM realizará mostraxes de sedimentos en diferentes zonas da ría, incluíndo a enseada de San Simón, onde estivo situada a antiga fábrica de cerámica Pontesa. Mediante o uso de técnicas avanzadas de isotopía do chumbo, Geoma poderá identificar as distintas fontes deste metal e avaliar o grao de dispersión da contaminación histórica ao longo da ría.
Os resultados obtidos integraranse cos estudos biolóxicos e oceanográficos do proxecto Volaria, contribuíndo a unha visión global do problema e achegando coñecemento científico fundamental para apoiar futuras decisións de xestión ambiental e marisqueira na ría de Vigo.
Anos sen poder extraerse nin comercializarse
A voandeira leva anos sen poder extraerse nin comercializarse na ría de Vigo ao presentar concentracións de chumbo superiores ao límite legal establecido para produtos alimenticios. Esta situación, que non se dá nas outras especies de bivalvos, responde, por unha banda, a unha particularidade fisiolóxica da especie —compartida con outros moluscos bivalvos como o reloxo (Dosinia exoleta) — que favorece a acumulación de chumbo en forma de gránulos nos riles, e por outro, á persistencia de contaminación histórica asociada a antigas actividades industriais no interior da ría.
Este proxecto foi financiado pola Xunta de Galicia con cofinanciamento pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) nun 70%.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI