Participarán no programa de actividades que organiza ao longo do mes de febreiro a Universidade de Vigo con charlas e obradoiros a preto dun milleiro de persoas en 20 centros educativos e un centro de día e participando na feira eXXperimenta en Feminino
Co obxectivo de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas, a Universidade de Vigo conmemora ao longo de todo o mes de febreiro o 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Xunto cos obradoiros ElasFanCienTec en Vigo e a feira eXXperimenta en Feminino en Ourense, a UVigo impulsará obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos.
O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as escolas e as facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Vintedúas investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participarán neste programa de actividades con charlas e obradoiros a máis dun milleiro de persoas en preto de 20 centros educativos de primaria e secundaria e un centro de día de persoas maiores.
Ademais, o 11 de febreiro, ás 12.00 h, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrará a entrega dos premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp, dirixido ás súas investigadoras predoutorais e posdoutorais. O acto incluirá unha mesa redonda moderada pola xornalista de Faro de Vigo Sandra Penelas sobre os retos e oportunidades das mulleres na ciencia mariña e a proxección das pezas audiovisuais premiadas.
eXXperimenta en Feminino, o día 20 en Ourense
Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense, que contará coa participación de investigadoras do grupo do CIM EPhysLab. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.




