En colaboración coa empresa italiana Limenet. A iniciativa combina tecnoloxía de vangarda e ciencia mariña galega para estudar solucións innovadoras nos mesocosmos da ECIMAT
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e a empresa italiana Limenet están a desenvolver unha proba piloto pioneira para avaliar os efectos da alcalinización mariña, unha técnica que podería contribuír a eliminar CO₂ da atmosfera e almacenalo de maneira duradeira no océano.
A iniciativa, que combina tecnoloxía de vangarda e ciencia mariña galega, realízase nas instalacións de mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e ten como obxectivo estudar como este proceso pode influír nos ecosistemas mariños. Os resultados permitirán establecer protocolos de traballo no marco do proxecto IRISCC, financiado polo programa Horizonte Europa. Desta forma, poderán ofrecerse como servizos nas infraestruturas da rede European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC), da que forma parte a ECIMAT.
O experimento conta coa participación dos investigadores do CIM Pablo Serret e Estefanía Paredes, xunto con colaboradores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Serret dirixe os experimentos centrados na comunidade planctónica —que inclúe fitoplancto, microzooplancto, bacterias e zooplancto—, mentres que Paredes lidera os ensaios sobre moluscos, concretamente ostras e mexillóns. As probas con plancto desenvolvéronse durante quince días en outubro e, actualmente, están rematando os experimentos con moluscos. Unha vez finalizada esta fase, dará comezo a análise das mostras e dos datos recollidos ao longo destes meses..
Colaboración entre Galicia e Italia
Pola súa banda, Limenet, fundada en 2023, é unha empresa pioneira que desenvolve tecnoloxías de eliminación de CO₂ mediante a produción de cal con emisións netas cero. A compañía considera a investigación científica un piar esencial da súa actividade e escolleu ao CIM pola súa infraestrutura de referencia internacional e polo seu equipo investigador especializado no estudo do medio mariño.
Durante todo o proceso, o equipo de Limenet está a realizar visitas periódicas ás instalacións da ECIMAT para supervisar a xeración da auga alcalinizada. Ademais, dous novos investigadores de Limenet e da Universidade de Milán-Bicocca realizan unha estancia de seis meses en Vigo, participando na preparación e análise dos experimentos.
Esta proba piloto supón un avance significativo cara a solucións sostibles fronte ao cambio climático, combinando a tecnoloxía innovadora de Limenet coa excelencia científica do CIM e coas capacidades únicas de experimentación a escala natural que ofrecen os mesocosmos da ECIMAT, unha infraestrutura singular no contexto europeo.
Oportunidade de mobilidade internacional
Ademais, os resultados desta colaboración permitiron abrir unha convocatoria de acceso transnacional no marco do proxecto IRISCC, que ofrece a investigadores doutros países a oportunidade de traballar en Vigo sobre a alcalinización mariña e estudar novas vías para mitigar o cambio climático desde o océano.
Esta alianza demostra como a ciencia mariña galega pode contribuír a afrontar os grandes desafíos globais, impulsando solucións baseadas no coñecemento, a innovación e a cooperación internacional.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI




