A investigadora do CIM, Nieves Lorenzo, participou na elaboración dos vídeos divulgativos do colectivo da Universidade de Vigo eXXperimenta en Feminino
O colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias e das escolas de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, entre elas a investigadora do CIM Nieves Lorenzo, pon en marcha dúas novas iniciativas divulgativas. Trátase da segunda edición da serie de vídeos titulada Exploradoras do Universo, nos que se recolle a biografía e logros de mulleres que co seu coñecemento e traballo axudaron a que a humanidade pisara a Lúa, e o cómic EVA y las aventureras del aire.
‘EVA y las aventureras del aire’
O cómic EVA y las aventureras del aire, explican desde eXXperimenta en Feminino, ten o obxectivo de dar visibilidade ás distintas profesións que teñen cabida no sector aeroespacial, poñendo o foco no impacto social que cada unha das profesións teñen na sociedade, co fin de atraer ás nenas ao mundo CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A iniciativa parte de estudos que suxiren que “as nenas séntense máis atraídas por aquelas profesións nas que o impacto social é máis evidente” e dado que o “ impacto das profesións técnicas ás veces non é tan sinxelo de ver, neste libro queremos amosarlles, da man de profesionais do sector, como as devanditas ocupacións relacionadas co sector aeronáutico si son necesarias e axudan á sociedade”.
O formato escollido, engaden as promotoras da iniciativa, é “o cómic, pola súa natureza transmedial (visual e textual)”. O equipo principal do proxecto son Nieves Lorenzo, investigadora do CIM e profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, e José Andrés Santiago, profesor da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Para a elaboración do cómic contouse co traballo de seis autoras e autores de cómic: cinco egresadas e egresados da citada Facultade de Belas Artes, como son Laura González, Antón Yáñez, Iria Fernández, Loli Rivas e Delia Vázquez, e o debuxante José Ángel Ares.
Novos vídeos de ‘Exploradoras do Universo’
Non é esta a única iniciativa que se pon en marcha neste final de ano desde o colectivo eXXperimenta en Feminino. Tralo éxito da primeira edición de vídeos Exploradoras do Universo, ponse agora en marcha unha segunda edición coas biografías de cinco novas mulleres e as súas achegas á ciencia. Así, o público interesado poderá coñecer a Judy Sullivan, a biomédica encargada da saúde dos astronautas; a Margaret Brenneche, que deseñou os tanques de combustible do foguete Saturno; a Jeanne Lee Crews, creadora do escudo protector que aínda hoxe usa a estación espacial internacional; a Dorothy Lee, deseñadora do morro en forma de cono dos transbordadores espaciais, e a Annie Easley, autora do código informático dos primeiros coches híbridos.
Para a elaboración destas pílulas contaron unha vez máis coa ilustradora MeliMolita e as voces das profesoras da Universidade de Vigo Alma Gómez, Julia Carballo, Olga Escuredo e Inés Álvarez, e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Encina Calvo. A elaboración dos vídeos correu a cargo de Inés Álvarez e Mª de las Nieves Lorenzo. O financiamento foi achegado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Noticia no DUVI

