Acuicultura e innovación para atraer talento entre o estudantado de Ciencias do Mar

Organizado polo grupo PhystoFish do CIM, a celebración incluíu unha masterclass, unha charla da empresa Stolt Sea Farm sobre produción de rodaballo e un showcooking

Con motivo do Día Mundial da Acuicultura, que se conmemorou o pasado 30 de novembro, o grupo de investigación PhsytoFish do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo organizou onte unha xornada divulgativa centrada nunha das especies máis emblemáticas da acuicultura galega: o rodaballo (Scophthalmus maximus). O encontro tivo como obxectivo achegar o alumnado universitario ao mundo da investigación mariña e atraer novo talento a un sector estratéxico para Galicia.

O evento combinou ciencia, transferencia de coñecemento e gastronomía para mostrar ao estudantado as múltiples oportunidades profesionais e de especialización que ofrece a acuicultura, unha das áreas prioritarias de investigación do CIM e un motor fundamental para o futuro da economía azul.

Promover vocacións científicas

A sesión, inaugurada polo investigador do PhystoFish do CIM Jesús Míguez, contou coa participación de Joaquín Macías Sancho, responsable da unidade de Saúde Animal I+D en Stolt Sea Farm, quen explicou a realidade da produción de rodaballo en Galicia e o papel clave da colaboración entre centros de investigación e empresas á hora de xerar innovación e emprego cualificado. Macías Sancho puxo en valor o papel clave da investigación e da colaboración entre a universidade e a empresa, especialmente nun sector estratéxico como o do rodaballo, do cal o 90% da produción europea procede de Galicia. A empresa destacou que nos últimos anos está a reforzar a súa aposta polo benestar animal e subliñou a necesidade de investir en I+D, así como a importancia de impulsar fórmulas como o doutoramento industrial.

Nesa liña, Carlos Andrés Ramírez Rodríguez, investigador do doutoramento industrial entre o CIM e a empresa Stolt Sea Farm, impartiu unha masterclass centrada no benestar animal e na fisioloxía do rodaballo, amosando como a investigación aplicada permite avanzar cara a unha acuicultura máis sostible e eficiente. O seu traballo está centrado en mellorar o benestar dos peixes planos en cultivo mediante técnicas avanzadas como a electroencefalografía e o desenvolvemento de ferramentas non invasivas para avaliar o estrés.

Por outra banda, a Sociedade Española de Acuicultura (SEA) estivo representada na apertura da xornada pola investigadora do PhystoFish do CIM Cristina Velasco, que presentou a entidade ao alumnado presente, reforzando a importancia de impulsar novos perfís profesionais e de formar especialistas capaces de responder aos retos actuais do sector.

Un showcooking para conectar ciencia, cultura e talento

Como colofón, a xornada incluiu un showcooking a cargo de Omichi Ramen&Bar, onde as persoas asistentes puideron degustar unha tapa elaborada con rodaballo preparado ao momento. Esta actividade buscou aproximar ao público máis novo ao valor gastronómico, económico e científico da especie, reforzando a importancia da acuicultura como disciplina transversal que combina investigación, innovación, industria e cultura mariña.

Un sector con futuro que demanda profesionais

Para o CIM a acuicultura está chamada a xogar un papel fundamental no futuro da alimentación sostible, a conservación mariña e a economía azul, polo que resultan esenciais accións de divulgación que desperten novas vocacións científicas e permitan captar talento entre o alumnado universitario.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Noticia no DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)