O CIM-UVigo lidera a achega científica do proxecto ‘Mariscando conCiencias’. As actividades arrancan mañá mércores cun obradoiro sobre pesca artesanal en Redondela
Mariscadoras, científicas e artistas unidas nun proxecto común, a busca dun futuro sostible para o marisqueo galego. Nisto consiste o proxecto Mariscando conCiencias para el futuro, unha iniciativa que busca imaxinar e construír alternativas sostibles para o marisqueo a pé, un oficio tradicional e feminizado que hoxe se ve ameazado polos efectos do cambio climático no medio mariño.
Falamos dun proxecto colectivo coordinado pola cooperativa galega Cidadanía e no que o grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera a achega científica. A eles súmanse numerosas mariscadoras de Redondela, “expertas en xestión do territorio e sustentabilidade, cuxa preocupación polo futuro do seu oficio foi xerme deste traballo”, a asociación de turismo mariñeiro Amarturmar, o colectivo artístico Sinha Paca – Artelixo e o propio Concello de Redondela, onde hai apenas uns días se presentou a iniciativa e onde mañá mércores arrancará o primeiro dos obradoiros.
Elena Ojea: “O noso equipo dará a mirada científica”
O proxecto busca crear novos relatos que visibilicen a importancia deste sector e reforcen a conciencia social sobre a necesidade de coidar o mar desde o local. “O noso equipo dará a mirada científica para conectar os datos e a investigación coa realidade cotiá das mariscadoras, impulsando un diálogo creativo e transformador”, explica Elena Ojea, investigadoras Oportunius -programa da Xunta de Galicia para a captación de talento de excelencia- líder do grupo Future Oceans Lab do CIM-UVigo. Este equipo será o encargado de conectar a evidencia científica coa experiencia diaria das mariscadoras, achegando a perspectiva científica sobre os efectos do cambio climático nos sistemas socioecolóxicos mariños.
Múltiples actividades abertas á cidadanía ao longo de 2025 e 2026
As diferentes actividades programadas desenvolveranse entre 2025 e 2026 na enseada de San Simón e inclúen encontros comunitarios para recuperar a memoria da pesca artesanal, visitas guiadas nos bancos marisqueiros, recollidas de lixo nas praias e talleres creativos con materiais reciclados… actividades abertas á veciñanza de maneira que, entre todos e todas, se poidan recoller coñecementos populares, fitos, persoas referentes e prácticas sostibles no mar.
A primeira convocatoria é cos obradoiros O pasado da pesca artesanal que arrancan mañá mércores na Oficina de Turismo de Redondea e continuarán os días 3 e 10 de decembro. Trátase dun espazo participativo e de conversa entre os asistentes, nos tres casos en horario de 18.00 a 20.30 horas e no que as persoas que desexen participar -xa están confirmadas 12- están convidadas a achegar obxectos, documentos, fotos, etc. do traballo do mar.
Unha das actividades máis destacadas será o Laboratorio MARabismo, liderado desde FOL, onde se traballará colectivamente en imaxinar futuros sostibles para a pesca artesá local. Tamén haberá unha xornada final que reunirá todas as experiencias e resultados. Neste senso, Elena Ojea explica que “a arte terá un papel protagonista: a fotografía e a danza acompañarán o proceso como linguaxes capaces de transformar e comunicar as vivencias compartidas”. Nesta liña, explican que a dimensión artística do proxecto contará cun espazo singular a través da danza, un aspecto que se encargará de coordinar a investigadora postdoutoral da UVigo e bailarina Xochitl Édua Elías Ilosvay. A través da expresión corporal, a súa proposta conectará o traballo físico das mariscadoras coa reflexión sobre o futuro do mar, ofrecendo unha interpretación artística e sensible que acompañará todo o proceso e co que se realizará unha proposta coreográfica.
Financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso
A iniciativa forma parte dos nove proxectos seleccionados a nivel nacional pola Fundación Daniel e Nina Carasso na convocatoria Componer saberes para imaginar y construir futuros sostenibles, dotada con 600.000 euros e coa que se busca unir artistas e persoas dedicadas á investigación científica co obxectivo de crear procesos colaborativos que xeren novas perspectivas á hora de abordar os retos ecosociais de maneira creativa e experimental.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI


