O prazo límite de envío de candidaturas é o 15 de xaneiro. O certame está dotado cun premio de 1500 euros para cada unha das categorías: predoutoral e postdoutoral
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidad de Vigo de convoca a IV edición do concurso de vídeos Marie Tharp, unha iniciativa dirixida ás mulleres investigadoras vinculadas ao centro co obxectivo de visibilizar o talento feminino na investigación mariña e fomentar as vocacións científicas en igualdade. O certame conta con un premio de 1.500 euros por categoría, que poderán destinarse á adquisición de material informático ou á asistencia a congresos científicos.
O concurso leva o nome de Marie Tharp, cartógrafa e xeóloga mariña pioneira na elaboración do primeiro mapamundi do relevo submarino, cuxo traballo abriu novas perspectivas no coñecemento dos océanos e simboliza o espírito científico e valente que o CIM quere reivindicar con esta convocatoria.
A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, subliña que “esta iniciativa busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo das investigadoras do centro, promover a súa proxección profesional e contribuír a reducir a fenda de xénero que aínda existe nas etapas máis avanzadas das carreiras científicas”. A xornada de entrega deste ano incorporará unha mesa redonda na que as galardoadas doutras edicións poderán compartir as súas experiencias.
Bases do concurso
Poderán participar todas as mulleres investigadoras do CIM nas categorías predoutoral e posdoutoral junior. Cada participante deberá gravar un vídeo de duración máxima dun minuto no que explique de forma clara e accesible en que consiste a súa investigación, cal é a súa motivación, os obxectivos, o plan de traballo e os posibles resultados ou impactos.
As bases completas da convocatoria poden consultarse na páxina web do centro: cim.uvigo.gal.
O futuro da investigación mariña: o rumbo das galardoadas
O concurso Marie Tharp axuda a dar visibilidade á traxectoria profesional das súas participantes, que seguen a consolidar as súas carreiras con proxectos de gran impacto. Alejandra García, premiada na terceira edición do concurso na categoría predoutoral, estuda actualmente o éxito invasor dunha especie de caracol acuático mediante ferramentas xenéticas e proteómicas e realizou estancias en Estados Unidos para determinar a orixe e proceso de invasión desta especie en Galicia. Na mesma situación atópase Nerea Cazás, que recibiu a mención especial no última edición do galardón. Actualmente está a realizar o seu segundo ano de tese centrada na análise do pole de sedimentos para procurar unha narración detallada da evolución costeira e dos ecosistemas da Ría de Vigo nos últimos 15.000 anos.
Outras investigadoras xa están en fases máis avanzadas, como Elisa Osorio, premiada no ano 2023, que está na fase final da súa tese doutoral sobre a parasitofauna do ourizo de mar Paracentrotus lividus na Ría de Vigo. A galardoada na edición do ano 2023 na categoría posdoutoral Sara Comesaña obtivo unha beca Juan de la Cierva e traballa como investigadora posdoutoral no Instituto Español de Oceanografía de Vigo, centrada na optimización do cultivo de rodaballo mediante a mellora da súa alimentación e benestar. Pola súa banda, Jessica Calo, premiada na última edición do premio Marie Tharp, atópase de estancia no INRAE en Francia, onde afondará durante dous anos en temáticas relacionadas coa acuicultura sostible e a nutrición animal. A traxectoria destas profesionais exemplifica a proxección e o impacto do concurso Marie Tharp no impulso da muller investigadora no sector mariño. O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI
