Europa premia a innovación mariña do CIM co Atlantic Award ao proxecto MARINNONET

O proxecto de transferencia centrado en biotecnoloxía azul, coordinado polo catedrático do centro José Luis Soengas, foi distinguido como unha das iniciativas máis innovadoras e sostibles da economía azul do Atlántico europeo

O proxecto MARINNONET, coordinado por José Luis Soengas, do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, recibiu un dos Atlantic Awards 2025, galardóns que outorga a Comisión Europea no marco da Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC 2025) para recoñecer as iniciativas máis destacadas na implementación da Estratexia Marítima Atlántica e do Atlantic Action Plan 2.0.

A distinción foi anunciada durante a conferencia celebrada en Galway (Irlanda) baixo o lema “Tides of Cooperation: The Atlantic Strategy as a Catalyst for the European Ocean Pact”, que reuniu a representantes de institucións europeas, administracións nacionais e rexionais, centros de investigación, entidades privadas e empresas do ámbito marítimo de toda a área atlántica.

O Atlantic Project Award recibido por MARINNONET recoñece o seu alto impacto en sustentabilidade, a súa viabilidade e capacidade de replicación noutras rexións europeas e o seu modelo innovador de cooperación internacional entre a ciencia, a industria, as administracións e a sociedade —o chamado modelo da cuádruple hélice. O xurado destacou especialmente o enfoque participativo do proxecto, baseado en obradoiros de innovación aberta e proxectos piloto transnacionais que conectan a investigación coa aplicación práctica e o mercado.

Segundo subliñou José Luis Soengas, “estamos moi satisfeitos ca concesión do premio xa que recoñece o esforzo en conectar investigación, industria e sociedade en todas as rexións do espazo atlántico e fomentar o intercambio de coñecemento para a súa posterior aplicación no eido da biotecnoloxíaa azul”.

O director do CIM, Daniel Rey, afirmou ao respecto que “para o centro recibir o Atlantic Award e un recoñecemento internacional ao compromiso do centro coa innovación, á transferencia de coñecemento e á excelencia no ámbito da biotecnoloxía mariña. Este premio consolida o liderazgo do CIM na promoción de proxectos sostibles e de alto impacto na economía azul, reforza a sua proxeción europea e serve como estímulo para continuar impulsando innovacións que contribúan á conservación dos océanos e ao desenvolvemento dun sector marítimo máis innovador e responsable”.

Unha alianza atlántica para impulsar a biotecnoloxía mariña

Coordinado polo investigador do CIM José Luis Soengas, MARINNONET reúne a 10 socios de oito rexións atlánticas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Concretamente, xunto co CIM, forman parte do proxecto entidades académicas e de investigación como a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidad del País Vasco, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC, a University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), Sorbonne Université (Francia), e Munster Tecnological University (Irlanda), así como os clusteres de innovación e transferencia Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e BlueBio Alliance (Portugal).

Ademáis dos 10 socios, participan como colaboradores o Centro Interdisciplinar de InvestigaÇao Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal, representantes da administración pública como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Hazi Fundazioa, a Sociedad de Promoción Económica de Gran Canaria e a Irish Bioeconomy Foundation (Irlanda). Como representantes da sociedade están o grupo de acción costeira GALP Ría de Vigo e o grupo de acción local pesqueiro do país vasco Itsas Garpen Elkarta Flag. No eido empresarial, participan a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco), e a AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal).

O proxecto promove tres grandes plataformas de biotecnoloxía mariña centradas na innovación para unha acuicultura sostible e resiliente, o uso de tecnoloxías ómicas e de observación para preservar a biodiversidade mariña e o desenvolvemento de produtos mariños con aplicacións industriais.

A través desta rede, MARINNONET está a impulsar nove proxectos piloto que xa ofrecen solucións concretas en sustentabilidade, economía circular e valorización de recursos mariños, demostrando o potencial da cooperación europea na transición cara a unha economía azul verde e innovadora.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)