O evento, xa consolidado como unha cita clave da divulgación na cidade, reuniu a centos de familias en actividades, obradoiros e travesías científicas pola ría
O CIM volveu conquistar a ría e a cidade. Case un milleiro de persoas participaron esta fin de semana nas Xornadas de Portas Abertas do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, unha cita que xa se consolidou como un dos eventos divulgativos máis esperados e recoñecidos de Vigo. Baixo o lema “CIM é ciencia, mar, innovación e sociedade”, o centro volveu demostrar que a ciencia tamén pode ser participativa, divertida e inspiradora, unindo persoal investigador e cidadanía.
As Xornadas de Portas Abertas do CIM confírmanse como un evento xa consagrado en Vigo, que une ciencia, educación e cidadanía arredor do mar. A iniciativa reforza o papel do CIM como axente clave na divulgación científica mariña en Galicia.
Ciencia viva á beira do mar
O venres, o Centro Comercial A Laxe transformouse nun auténtico laboratorio aberto coa feira “Coñece o CIM na rúa”, que combinou experimentación, xogo e aprendizaxe.
Os preto de 700 asistentes puideron participar en obradoiros sobre química mariña e detección de contaminantes, xogos para comprender o funcionamento do ADN e oríxenes xenéticos mediante origami, demostracións con organismos vivos como estrelas de mar, medusas ou ourizos e talleres creativos con adhesivos e experimentos interactivos. Tamén houbo espazo para a aprendizaxe lúdica coa “Jenga microbiana”, o xogo xigante “Aquamission” sobre acuicultura sostible e unha escape room virtual sobre observación oceánica.
As visitas guiadas ao visor subacuático Nautilus, organizadas en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), completaron a experiencia permitindo a un cento de persoas observar en tempo real a vida mariña dos fondos portuarios, un espectáculo natural que fascinou a pequenos e maiores.
Navegar para aprender
O sábado foi o turno da actividade máis esperada: “Embárcate co CIM”, unha proposta que volveu esgotar prazas en tempo récord. Un cento de persoas embarcáronse na Ría de Vigo para coñecer de preto as infraestruturas de vangarda do CIM situadas na Illa de Toralla, nunha experiencia que combinou aventura, ciencia e divulgación.
A bordo dun barco-aula, os participantes convertéronse en exploradores mariños por un día. Guiados polo persoal investigador do CIM, realizaron observacións en directo mediante un robot submarino, que permitiu descubrir os sedimentos do fondo mariño e a súa biodiversidade oculta. Ademais, tomáronse mostras cunha draga de sedimentos e organismos mariños, mentres os científicos e científicas explicaban como estes estudos axudan a comprender o estado dos ecosistemas costeiros e os efectos do cambio climático.
A xornada culminou cunha visita ás instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), onde o público puido coñecer laboratorios, mesocosmos e salas de cultivos, auténticos epicentros da investigación mariña galega.
“A divulgación é unha parte esencial da nosa misión como centro de investigación. Queremos que a sociedade coñeza o valor do mar e comprenda como a ciencia pode axudar a conservalo. Ademais, buscamos que a xente vexa a ciencia mariña como algo próximo e fascinante. Se conseguimos espertar a curiosidade dun neno ou dunha familia, xa estamos facendo divulgación real. Estas xornadas amosan que a investigación que facemos non está illada, senón profundamente conectada co territorio e coa sociedade que a inspira”, destacou Daniel Rey, director do CIM.
Ademais, estas actividades forman parte das accións oficiais promovidas pola Ocean Decade e son unha realidade grazas ao apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional .
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI




