Vanesa Romero e Víctor Hernando Morales lideran estes proxectos, centrados no control de contaminantes e na análise do rendemento da EDAR de Moaña
O programa de axudas impulsado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra permite este ano a posta en marcha de dous proxectos de investigación de investigadoras e investigadores novos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) dirixidos á mellora medioambiental da provincia.
Control de contaminantes
Un dos proxectos financiados será Aquasense, liderado pola investigadora Vanesa Romero, do grupo de Química Analítica e Ambiental, que propón o desenvolvemento de metodoloxías analíticas sostibles e portátiles empregando substratos de celulosa para a detección de contaminantes en augas naturais. Abórdase, neste caso, a miniaturización como alternativa ás técnicas convencionais, reducindo custos, residuos e complexidade. A investigación aliña a química verde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 6 e 12), promovendo o acceso á vixilancia ambiental mediante tecnoloxías accesibles, eficientes e adaptables a contextos con recursos limitados.
Análise do rendemento da EDAR de Moaña
No caso de Víctor Hernando Morales, investigador do Grupo de Ecoloxía Animal do CIM, o seu proxecto avalía a presenza e tipoloxía de macro e microplásticos na Estación Depuradora de Augas Residuais, EDAR, de Moaña durante dous períodos contrastados, de alta e baixa presión turística, analizando as distintas etapas do tratamento e a súa eficiencia de eliminación.
Así mesmo, explorarase a capacidade de bioremediación dos residuos de desbaste mediante vermicompostaxe con residuos orgánicos locais (bagazo de viñedo). Paralelamente, desenvolverase unha acción educativa sobre contaminación por plásticos, con actividades en centros escolares e transferencia a axentes locais.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
