Alénomar | Un encontro internacional aborda a relación entre o dereito e os eventos meteorolóxicos extremos provocados polo cambio climático

O encontro é froito do proxecto estatal Exmerisk, no que participan os investigadores do CIM Raquel Olalla Nieto e Luis Gimeno

Grandes incendios, inundacións, ondas de calor, secas… os eventos meteorolóxicos e riscos extremos provocados polo cambio climático preocupan e impactan cada día máis nos diferente ámbitos da sociedade, desde os seus gobernos ata a cidadanía. Entre eles está o eido xurídico. Co obxectivo de afondar neste tema, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do Encontro internacional dereito e riscos metereolóxicos extremos xerados polo cambio climático.

O encontro é froito do proxecto estatal Exmerisk: Riesgo de eventos meteorológicos e hidrológicos extremos en España: impactos, escenarios futuros y herramientas para mejorar la resiliencia y adaptación al cambio climático. Trátase dun proxecto coordinado de Transición Ecológica financiado polo Ministerio de Universidades e Feder, liderado por Sergio Vicente Serrano desde o Instituto Pirenaico de Ecología, CSIC e no que participan desde a Universidade de Vigo os catedráticos Raquel Olalla Nieto e Luis Gimeno, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

A iniciativa estivo organizada desde a Universidade de Vigo pola Agrupación Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito (AGAF). Contou co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e estivo dirixida polos catedráticos da UVigo Pablo Raúl Bonorino e Raquel Olalla Nieto, do CIM.

Impacto en sistemas terrestres agroforestais

O encontro internacional celebrado en Ourense, que contou coa asistencia tamén de alumnado da Facultade de Dereito, estruturouse en dúas xornadas, unha celebrada pola mañá e centrada no citado subproxecto do eido xurídico e outra pola tarde centrada no proxecto científico. A primeira xornada levou por título Dereito e eventos hidrolóxicos extremos xerados polo cambio climático e estivo dirixida por Pablo Raúl Bonorino.

A segunda xornada, organizada desde a Facultade de Ciencias tamén do campus de Ourense polo grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) do CIM e dirixida por Raquel Olalla Nieto e Luis Gimeno, desenvolveuse pola tarde baixo o título Impacto de extremos climáticos en sistemas terrestres agroforestais. Nela, Ana Maria Durán (Universidad de Costa Rica) falou sobre xustiza climática máis alá da resolución dos modelos e Ana Russo (Instituto Superior de Agronomía, Universidade de Lisboa) sobre os extremos climáticos compostos e o risco agrícola na península ibérica. Pola súa banda, Celia Gouveia (Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, Universidade de Lisboa) ofreceu unha conferencia sobre secas, ondas de calor e incendios, concretamente sobre os seus perigos compostos e en cascada e as súas repercusións na vexetación, e Fernando Domínguez (Instituto Pirenaico de Ecología, CSIC) interviu sobre Cando os documentos falan: extremos climáticos do século XVI á era da IA.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Noticia no DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)