Os quistes de dinoflaxelados, cápsulas do tempo que axudan a entender o océano e o cambio climático

Un estudo, derivado do workshop internacional celebrado en Vigo en 2024 e organizado polo CIM, identifica avances e retos na investigación destes microfósiles mariños, fundamentais para reconstruír condicións pasadas do océano e anticipar a aparición de especies daniñas

Un equipo internacional de especialistas, liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, acaba de publicar na revista Marine Micropaleontology unha revisión sobre o estado actual do estudo dos quistes de dinoflaxelados con parede orgánica. Os dinoflaxelados son un grupo de microalgas mariñas que forman parte do plancto e que teñen un papel esencial nos ecosistemas oceánicos: producen osíxeno, serven de alimento a outros organismos e, nalgúns casos, poden orixinar mareas vermellas. Trala reproducción sexual, os dinoflaxelados xeran quistes ou estruturas de repouso, que son estruturas de resistencia que se preservan durante moito tempo e que se depositan nos sedimentos mariños. De aí que constitúan auténticas cápsulas do tempo que permiten reconstruír as condicións do océano no pasado e achegan informacion clave na predición dos efectos do cambio climático e xestión dos ecosistemas mariños.

O traballo, liderado pola investigadora do CIM Iria García Moreiras, analiza os avances logrados nas últimas décadas na identificación e uso dos quistes como indicadores ambientais, pero tamén sinala os principais retos aínda por resolver. Entre eles destacan a necesidade de comprender mellor a relación entre os quistes e as especies vivas de dinoflaxelados, coñecer a súa viabilidade a longo prazo ou mellorar e estandarizar as técnicas de mostraxe e análise, así como de identificación taxonómica, é dicir, contar con criterios e métodos comúns en todo o mundo para identificar e clasificar correctamente as distintas especies. “Sen esa linguaxe compartida, os resultados de diferentes equipos e rexións non se poden comparar de maneira rigorosa, o que limita a súa aplicación global, por exemplo, na predición de proliferacións de especies nocivas con impacto sobre a pesca, a acuicultura e a saúde humana”, indicou a investigadora.

As conclusións deste artigo teñen a súa orixe no workshop internacional celebrado en Vigo en 2024 e organizado polo CIM que reuniu arredor de 27 especialistas de todo o mundo para profundar no estudo dos quistes de dinoflaxelados como ferramenta para entender o efecto do cambio climático e outros impactos ambientais nosecosistemas mariños.

De cara ao futuro, o equipo subliña “a importancia de combinar ferramentas moleculares con análises morfolóxicas tradicionais, ampliar bases de datos globais sobre distribución e ecoloxía dos quistes, desenvolver modelos que integren factores físicos e biolóxicos, fomentar a investigación conxunta entre a bioloxía e a xeoloxía e explorar técnicas punteiras como a xenómica ambiental, a espectroscopía ou a paleoxenómica”.

Desta forma, o CIM demostra a súa capacidade para xerar redes internacionais e sitúa Galicia como referente nun campo de investigación que permitiría anticipar riscos ambientais e afrontar o cambio climático.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

“Fases móviles (a,b) e fases de repouso ou quistes (c,d) producidas por diferentes especies de dinoflaxelados e procedentes da costa atlántica da Península Ibérica. a) célula de Blixaea quinquecornis, b) colonia de células de Gymnodinium catenatum, c) quiste vivo de Lingulaulax polyedra, d) quiste vacío, xa xerminado de Protoperidinium sp

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)