En colaboración coa empresa Stolt Sea Farm, que achega unha inversión de 115.000 euros. Busca mellorar os procesos produtivos e a saúde dos exemplares e reforzar a confianza do consumidor
O grupo PhystoFish do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acaba de poñer en marcha o proxecto WelFlatFish+, centrado na avaliación e mellora do benestar animal na produción industrial de peixes planos como o rodaballo e linguado. Financiado con 115.000 euros pola empresa Stolt Sea Farm SL, desenvolverase ata 2027 e responde a unha necesidade da acuicultura moderna, que repercute nunha mellor calidade do produto e na sustentabilidade da produción, xa que os resultados incidirán de forma directa na optimización dos procesos reais de cultivo nas granxas da empresa.
Ademais do investigador principal, Jesús Manuel Míguez Miramontes, o proxecto conta coa participación de Marcos Antonio López Patiño, Marta Conde Sieira, Mauro Chivite Alcalde e Mercedes Gallardo Medina. Tamén está implicado neste estudo Carlos Andrés Ramírez Rodriguez, estudante de doutoramento do programa DoMar, que está a desenvolver a súa tese ao abeiro do programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia; así como como Antía Verde Rodríguez, investigadora contratada co orzamento do proxecto. Segundo explica Jesús Míguez, “aínda que xa noutros proxectos previos nos centraramos na fase final da produción, neste novo continuaremos eses estudos pero aplicando técnicas moi sensibles de electrofisioloxía que nos permitirán medir a actividade neurolóxica e definir o estado de consciencia do peixe, asegurando unha desconexión sensorial completa”.
Benestar animal noutras fases da produción industrial
WelFlatFish tamén avaliará o benestar animal noutras fases da produción industrial, nas que este pode verse comprometido, como o manexo que implique exposición ao aire, a acumulación nos tanques ou situacións puntuais de xaxún. Nestas fases monitorizaranse diferentes parámetros hormonais, metabólicos e moleculares para identificar posibles fontes de estrés fisiolóxico, unha resposta que pode ter consecuencias negativas na produción. O obxectivo é optimizar todos os procesos, minimizando os riscos e mellorando a saúde dos peixes.
Outro dos eixes fundamentais do proxecto será a procura de indicadores de benestar non invasivos. “Nun primeiro momento centraremos a atención na medida dos niveis de cortisol na auga dos tanques e no mucus que recobre a pel. Cremos que esta é unha vía importante para futuras aplicacións tecnolóxicas que permitan á empresa realizar un seguimento rutineiro do benestar, evitando efectos crónicos que repercutan negativamente na produción”, engade Míguez.
Colaborar para solucionar os retos da acuicultura actual
A colaboración con Stolt Sea Farm será clave para garantir a aplicabilidade dos resultados, xa que, segundo Jesús Míguez, “toda a actividade experimental levarase a cabo nas instalacións da empresa, trasladando as nosas técnicas de medida, en particular as electro fisiolóxicas, á propia granxa. Os resultados incidirán directamente na optimización dos procesos reais de cultivo na empresa e na acuicultura galega en xeral”.
Neste sentido, o investigador subliña a importancia destes proxectos para o grupo PhysToFish e para o CIM, porque “supón un gran reto científico e técnico, aplicando coñecemento básico adquirido en laboratorio a situacións reais do sector produtivo. Ademais, entronca directamente cos obxectivos do CIM de transferir coñecemento ao tecido empresarial e contribuír á sustentabilidade e competitividade da acuicultura galega.”
Mellorar a imaxe social dos produtos de acuicultura
Un dos principais retos da acuicultura actual de peixes é mellorar a percepción que os consumidores teñen dos produtos finais. O proxecto adopta un enfoque integral que busca fomentar un modelo de produción respectuoso co benestar animal e reforzar a confianza dos consumidores. “Queremos demostrar que é posible un modelo de produción máis respectuoso, contribuíndo así a unha mellor imaxe social dos produtos de acuicultura”, sinala Míguez.
O proxecto WelFlatFish+, tamén se aliña coas prioridades da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3 Galicia), destacando a relevancia dos produtos do mar e da acuicultura como un sector estratéxico para o presente e futuro da rexión.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI



