A prestixiosa clasificación da Universidade de Stanford, “Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientists”, reforza o avance imparable do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) na ciencia global. Con 13 investigadores e investigadoras entre os máis citados da UVigo, esta distinción subliña a excelencia e o impacto global do CIM no ámbito mariño, consolidando o seu papel como referente científico de vangarda.
A edición 2025 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist recoñece a cada vez maior capacidade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM). Concretamente, dos 48 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que aparecen no ranking tendo en conta o número de citas ao longo de toda a súa carreira, 10 deles, é dicir, o 20%, pertencen ao CIM.
Entre os primeiros cinco postos da UVigo na clasificación que atende a toda a carreira profesional está o catedrático e investigador do CIM Armando Caballero, do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía, no posto 50.564 do mundo e 6254 citas, que ademais se sitúa no posto 22 do mundo dentro do seu campo de traballo e no segundo a nivel estatal. Completan o ranking Jorge Domínguez, Emilio Marañón, Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Francisco Javier Pena-Pereira, José Luis Soengas, Carlos García de Leániz, Isela Lavilla e Alejandro Crespo.
A base de datos da Universidade de Stanford analiza as e os investigadores máis influentes do mundo, é dicir, os que se atopan entre o 2% máis citados dentro da base de datos Scopus. O ránking establece dúas clasificación, unha na que se avalían as citas ao longo da carreira científica e outra que se centra no último ano, neste caso o 2024. Cada unha das táboas ofrece información estandarizada sobre citas dos artigos, índice H, índice HM axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, as e os científicos clasifícanse en 22 campos científicos e 174 subcampos segundo a clasificación estándar de Science-Metrix. Tamén se proporcionan percentís específicos de campo e subcampo para todos os científicos con polo menos cinco artigos.
Se temos en conta ás citas xeradas ao longo de 2024, o CIM incrementa a súa presenza na listaxe con 13 investigadores e investigadoras dos 58 da Universidade de Vigo que aparecen na mesma, case o 24%. Son Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Armando Caballero, Alejandro Crespo, Jorge Domínguez, Moncho Gómez-Gesteira, Emilio Marañón, Elena Ojea, Francisco Javier Pena-Pereira, José Luis Soengas, Carlos García de Leániz, J.M. Domínguez e Maite de Castro.
Estes datos ratifican a posición do CIM como líder en excelencia investigadora, recoñecendo a súa investigación de calidade que alcanza os máis altos estándares internacionais, contribuíndo de maneira significativa ao avance do coñecemento no ámbito mariño a nivel global.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.