Nova convocatoria de axudas da rede europea Marinnonet coordinada polo CIM

Con ata 30.000 euros de axuda para propostas que busquen impulsar proxectos de biotecnoloxía mariña. En 2024 concedéronse 9 axudas, unha delas sobre pensos sostibles liderada desde o CIM-UVigo

A rede europea Marinnonet, coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e cofinanciada pola convocatoria Interreg Atlantic Area, vén de abrir a súa segunda convocatoria de proxectos piloto, destinada a apoiar iniciativas innovadoras que promovan o uso sostible dos recursos mariños e impulsen a economía azul no espazo atlántico.

Esta convocatoria ofrece financiamento, ata 30.000 euros por proxecto, para probar novas ideas no ámbito da biotecnoloxía mariña, facilitando a conexión entre centros de investigación, empresas e outros axentes do sector. O obxectivo é avanzar na transferencia de coñecemento e na creación de solucións con potencial de mercado a partir de recursos mariños. Trátase de impulsar a bioeconomía azul en tres áreas clave: acuicultura sostible, tecnoloxías de observación mariña e produtos industriais relacionados co mar.

O prazo de presentación de propostas está aberto ata o vindeiro día 20 de outubro e as propostas seleccionadas recibirán, ademais dunha asignación económica, acceso á rede de infraestruturas e coñecemento de Marinnonet en Portugal, España, Francia, Irlanda e Reino Unido.

Proxecto sobre pensos sostibles liderado desde o CIM-UVigo

Na primeira convocatoria, resolta en 2024, seleccionáronse 9 iniciativas internacionais. Entre elas está o proxecto FunctionAlgae, liderado pola Universidade de Vigo a través do grupo de investigación PhysToFish do CIM. FunctionAlgae está centrado no uso innovador de ingredientes derivados da alga Chondrus crispus para mellorar a sustentabilidade e a funcionalidade dos pensos en acuicultura, reducindo a dependencia da fariña de peixe e promovendo prácticas máis respectuosas co medio ambiente.

Ante o aumento da demanda de produtos acuícolas, a industria necesita alternativas alimenticias que sexan nutricionalmente adecuadas e respectuosas co medio ambiente, reducindo a dependencia da fariña de peixe tradicional, custosa e pouco sostible. Este proxecto piloto avalía o produto Ceamsea, derivado de fariña de algas que poden encontrarse nas costas galegas, analizando o seu impacto no crecemento dos peixes, a regulación do apetito e o seu benestar xeral. A iniciativa conta coa participación do CIM, a Estación Mariña de Plentzia da Universidade do País Vasco (PÉ-UPV/EHU) e a empresa Ceamsa.

Xunto a FunctionAlgae, en 2024 puxéronse en marcha outras oito propostas que amosan a diversidade de enfoques da biotecnoloxía mariña no espazo atlántico. Tamén con participación do CIM-UVigo, o proxecto Ulvacel está a explorar o cultivo da alga verde Ulva en augas abertas en Gran Canaria e na ría de Vigo, coa finalidade de producir celulosa para materiais sostibles; e To Mostfish desenvolve ferramentas moleculares para avaliar a capacidade reprodutiva dos peixes mariños, contribuíndo á mellora da xestión pesqueira e dos estudos de ecotoxicoloxía.

Por que proxectos se apostou no 2024?

Por outra banda, aprobáronse os proxectos Kelp-Secure, que avanza na mellora da biobancaria e produción de sementes de kelp -algas mariñas xigantes- para incrementar o rendemento e a tolerancia desta especie fronte ao cambio climático; KelPet, que investiga o potencial das algas como suplementos en alimentación de mascotas, ou MiTOXin, centrado na produción de materiais de referencia certificados a partir de biotoxinas mariñas e na análise de novas cepas de microalgas.

Nesta mesma liña de aproveitamento biotecnolóxico situouse Algacap dirixido a mellorar xeneticamente microalgas para optimizar a captación de CO₂ e producir compostos de interese, así como Polysal, que desenvolve procesos para extraer e caracterizar polisacáridos de Salicornia con posibles aplicacións na saúde.

Finalmente, o proxecto Transforming Marine Biomass from Sardine and Codfish Skins, no que tamén está involucrado o CIM, traballa na valorización das peles de sardiña e bacallau como fonte de coláxeno, aplicando un enfoque de biorrefinería para obter produtos de alto valor para sectores como a cosmética, a alimentación ou a farmacéutica.

Rede atlántica de innovación en biotecnoloxía mariña

Con esta nova convocatoria, Marinnonet dá un paso máis no seu obxectivo de consolidar unha rede atlántica de innovación en biotecnoloxía mariña, na que o CIM exerce un papel central de liderado científico e de conexión entre sectores.

Os proxectos seleccionados deberán desenvolver actividades de I+D+i cunha duración máxima de nove meses e en niveis de madurez tecnolóxica intermedios (TRL 3–7), que abarcan desde a validación experimental de conceptos en laboratorio ata a demostración de prototipos en contornas relevantes, e só os membros do consorcio poden presentar propostas.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)