Persoal investigador do CIM participará un ano máis na gran feira científica da G-Night (Noite Galega das Persoas Investigadoras), que se celebrará de 17.00 a 21.00 horas no edificio Redeiras de Vigo e na que as persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lles permitirán achegarse a diferentes ámbitos da ciencia. Concretamente, persoal investigador do CIM ofrecerá actividades como:
Cegueira ao verde
Público familiar | Exterior Redeiras
Grupo Análise de Concas Sedimentarias (XM3) – CIM
As plantas xogan un rol básico nos ecosistemas e fornecen ao ser humano de numerosos beneficios, pero seguen a ser organismos pouco coñecidos. Este fenómeno foi bautizado como “cegueira botánica”.
Nesta actividade poderás gozar de xogos e probas para testar o teu coñecemento sobre as plantas, os teus prexuízos, e coñecer diversos usos e beneficios das mesmas.
Os animaliños das nosas praias e o seu ADN
Público familiar | Primeiro andar
Grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade (XB2) – CIM
Queres coñecer os moluscos, equinodermos e crustáceos das nosas rías? Neste posto terás a oportunidade de velos, tocalos e ata collelos coas túas propias mans. Atréveste a participar?
Coñece o teu río: o xogo do salmón
Público familiar | Primeiro andar
Grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade (XB2) – CIM
Xogo semellante ao da oca no que os xogadores e xogadoras interpretan a un salmón que debe ascender dende a desembocadura ata a cabeceira do río. Ao longo do camiño, deberán evitar barreiras e depredadores, aproveitar aos enxeñeiros/as para entorpecer aos compañeiros e contar coa axuda de ecoloxistas para eliminar os obstáculos para ser os primeiros en chegar e gañar o xogo.
LivingSoiLL. De restos a recursos, reavivando o solo con miñocas
Público familiar | Segundo andar (Aula 2)
Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) – CIM
Obradoiro para descubrir como aproveitar diferentes restos orgánicos e miñocas para devolver a vida do solo. Poderás cultivar a túa propia semente e crear un mini-vermireactor.
A viaxe dos microplásticos do inodoro ao mar
Público familiar | Terceiro andar
Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) – CIM
Que pasa cunha toalliña e outros restos de lixo cando o tiras polo váter?
Neste percorrido interactivo seguiremos o rastro dos plásticos dende a casa ata unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), e veremos como se reteñen (ou non) en cada etapa e coñeceremos unha solución.
Por outra banda, entre as 18.00 e as 21.00 horas, desenvolverase a actividade Ciencia no Bar, na que participará o investigador Mauro Rivas Ferreiro do Grupo de investigación en Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade (XB2) do CIM cunha charla titulada Explorando a funga de Madagascar.