Primeira xornada do proxecto NEREIDA, coordinado polo CIM. Galicia conta xa con dez centros acreditados como Escolas Azuis e NEREIDA aspira a multiplicar este número apoiando a comunidade escolar con recursos e acompañamento científico
Máis de 50 representantes de institucións científicas, educativas, empresariais e sociais participaron hoxe na primeira xornada do proxecto NEREIDA, coordinado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). A iniciativa busca apoiar aos centros educativos galegos na súa acreditación como Escolas Azuis, recoñecendo aquelas prácticas que fomentan o coñecemento do océano a través de actividades de divulgación e dunha conexión directa coa comunidade científica mariña.
O proxecto ten como obxectivo impulsar a Rede Galega de Escolas Azuis (RGEA), integrada na Rede Española e na rede europea Network of European Blue Schools (NEBS). Trátase dunha iniciativa promovida pola UNESCO que a nivel global suma xa máis de 1.261 centros educativos, 2.240 docentes e 8.400 estudantes comprometidos coa educación oceánica. En Galicia, son 10 os centros xa certificados, pero o reto é ampliar esta cifra nos vindeiros anos.
Ciencia e educación ao servizo do mar
A xornada foi inaugurada polo director do CIM, Daniel Rey, quen destacou “a importancia deste tipo de iniciativas que unen a diferentes institucións e empresas cun obxectivo común e que nos permiten chegar á sociedade para favorecer o coñecemento oceánico ao tempo que damos visibilidade ao noso traballo como investigadores”.
O proxecto está liderado polo investigador Andreu Blanco do grupo Future Ocean Labs do CIM, quen subliñou a necesidade de “xerar un maior coñecemento sobre os sistemas acuáticos (mariños e fluviais) e de promover no alumnado a responsabilidade de coidalos”.
Na súa intervención tamén explicou os requisitos da acreditación, presentou as posibilidades de financiamento dispoñibles e puxo á disposición dos centros escolares os recursos e o apoio do CIM para acompañar o deseño de proxectos educativos en colaboración con persoal investigador do centro.
O resto de entidades colaboradoras tamén compartiron a súa contribución á rede. Por parte da Autoridade Portuaria de Vigo descatouse o potencial do Observatorio Submariño Nautilus como ferramenta de apoio á educación oceánica. Pola súa banda, FUNDAMAR presentou as accións que desenvolven para promover o patrimonio marítimo-pesqueiro da zona. As empresas 13grados e North Wind expuxeron exemplos das actividades de sensibilización que realizan habitualmente en centros escolares, mentres que CETMAR e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC puxeron sobre a mesa a posibilidade de organizar visitas, obradoiros formativos e colaboracións a través de instalacións como o centro de formación A Aixola.
Exemplos e creatividade desde as aulas
Na segunda parte da mañá, déronse a coñecer casos de éxito de centros xa acreditados como Escolas Azuis: o CEIP Ría de Vigo, CIP O Cruce, CIP Sabarís e o IES Lagoa de Antela.
A sesión da tarde estivo dedicada a un obradoiro participativo de chuvia de ideas, no que docentes, investigadores e representantes das institucións colaboradoras traballaron conxuntamente para deseñar novos proxectos educativos arredor do mar e fomentar o networking.
O encontro pechouse cunha posta en común das propostas xurdidas nos grupos, que servirán de base para o futuro da Rede Galega de Escolas Azuis.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI