A UVigo suma os edificios Morse e Enfermería ao seu plan para trasladar o CIM e Ciencias do Mar á ETEA

Á espera da cesión do Siemens, as obras de rehabilitación poderían comezar en 2026

Dous meses despois de aprobar en Consello de Goberno unha petición formal de cesión á Xunta de Galicia dos edificios Morse e Enfermería, situados no antigo complexo da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) no barrio vigués de Teis, o titular do goberno galego, Alfonso Rueda, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinaron o convenio que materializa o traspaso. Ambos os dous edificios, sumados ao Faraday, xa cedido á UVigo, e ao Siemens, pendente do visto e prace de Zona Franca, albergarán as titulación que actualmente se imparten na Facultade de Ciencias do Mar, así como o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo.

O documento contempla que a Xunta de Galicia cede á UVigo por un período inicial de 40 anos os edificios Morse e Enfermería para o seu uso académico, científico e cultural, unha vez que a institución académica realice a correspondente rehabilitación, que podería prolongarse durante uns 18 meses. A UVigo asumirá os custos integrais das obras de acondicionamento dos inmobles e tamén se fará cargo dos gastos de mantemento, subministracións, limpeza, tributarios e demais custos asociados ao uso dos edificios durante o período de vixencia da concesión. A institución académica terá dereito preferente para solicitar prórrogas sucesivas de ata 20 anos, ata un prazo máximo total de 75 anos.

Distribución e usos dos inmobles

O edificio Siemens, cuxa cesión por parte de Zona Franca á UVigo segue pendente, destinarase a laboratorios e espazos administrativos do Centro de Investigación Mariña (CIM), mentres que o Faraday acollerá despachos e servizos centrais: administrativos, o decanato da facultade, etc. Mentres o edificio Morse destinarase ás aulas para as titulacións de grao, mestrado e doutoramento que se imparten na actualidade na da Facultade de Ciencias do Mar do campus de Vigo, atendendo ás necesidades do centro, nunha superficie total é de 1964 metros cadrados, distribuídos nunha planta baixa e nunha primeira planta. Pola súa banda, o edificio Enfermería acollería despachos do persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias do Mar, nunha superficie construída de 977 metros cadrados, distribuídos nun soto, planta baixa, primeira planta e un baixo cuberta.

As obras de remodelación dos inmobles, de acordo co convenio de infraestruturas singulares que a UVigo ten coa Xunta de Galicia poderían comezar no ano 2026 e sumaríanse aos proxectos que o CSIC desenvolverá nesa mesma contorna co obxectivo de impulsar un polo de xeración de coñecemento e formación de excelencia no campus das ciencias mariñas.

Un proceso “complexo” e “longamente esperado”

Para o reitor de Vigo esta é parte dun proceso “longamente esperado, que nos fai moita ilusión e que vai supoñer un antes e un despois dentro das nosas liñas de investigación”. Logo de agradecer a cesión ao presidente da Xunta, Reigosa rememorou un proceso que asemellou aos chanzos dunha escaleira e que comezou hai décadas na USC coa visión de científicos que consideraban que Vigo debía ter fortalezas na investigación mariña, así como unha titulación en Ciencias do Mar, que se materializaría coa segregación da UVigo, “que foi moi exitosa e que neste momento está a atraer moito talento ao campus de Vigo”. A continuación o reitor lembrou o relevo que tivo a concesión do Campus do Mar, que aproveitou todas as fortalezas da contorna e “que ten moito que ver co que queremos facer aquí de xuntar moitas capacidades de investigación, tamén docentes e de formación para que teñan acubillo neste lugar tan fermoso”. A importancia dos centros de investigación de excelencia do SUG foi outro dos “chanzos” aos que aludiu o reitor no camiño desenvolvido ata chegar ao día de hoxe, con mención expresa ao CIM e á presenza da UVigo entre as 200 mellores universidades do mundo no ámbito mariño

Para o reitor da UVigo a cesión é “unha oportunidade única, porque visibilizamos por ver primeira de xeito físico que arredor desta praza imos ter a formación de grao, mestrado e doutoramento e a posibilidade de que veñan investigadores de todo o mundo, porque agardamos que no seu día esta sexa unha praza icónica e que calquera investigador do mundo teña envexa e veña aquí”.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)