O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) vén de renovar, por terceira vez consecutiva, o Certificado de Calidade ISO 9001:2015 para os servizos que presta a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT). Este recoñecemento garante que todos os procesos que apoian a investigación mariña se realizan con criterios de excelencia, profesionalidade e mellora continua.
Desde 2013, esta certificación avala o compromiso do CIM cunha investigación mariña punteira e cunha atención esmerada ás necesidades das persoas investigadoras que fan uso das súas instalacións. A nova renovación, en vigor ata 2028, confirma a confianza nun modelo de xestión de calidade que sitúa ao CIM como referente a nivel nacional e internacional.
Os servizos certificados abranguen desde o uso de infraestruturas para experimentación con organismos mariños ata tarefas especializadas como a cría de especies para investigación, o apoio técnico no medio mariño ou os bioensaios para avaliar o impacto de contaminantes nos ecosistemas. Tamén se inclúe a recollida e análise de mostras ambientais, a medición precisa de parámetros físico-químicos e o procesado de tecidos mariños.
Este selo de calidade non é só un documento: é un aval ao rigor e á solvencia do equipo técnico da ECIMAT, unha peza clave na investigación mariña que se desenvolve desde Galicia para o mundo.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.