A investigadora do CIM Ana Ulla é a responsable do comité científico organizador. A iniciativa trae consigo numerosas actividades abertas ao público en xeral
A comunidade científica galega que traballa no ámbito da astronomía e da astrofísica, tanto dentro como fóra de Galicia, reunirase este xoves e venres en Vigo no I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica, GIAA 2025, unha cita na que se reunirán máis de medio cento de profesionais, investigadores e investigadoras de diferentes institucións, que participan neste encontro para compartir resultados, intercambiar ideas e promover novas colaboracións.
O congreso, que terá lugar no edificio Redeiras, presentouse este martes no Concello de Vigo, coa participación do alcalde, Abel Caballero; a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, e a responsable do comité científico organizador, a catedrática e científica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Ana Ulla.
“Trátase dun congreso de altísimo nivel do que estou orgullosísimo”, salientou o alcalde nunha rolda de prensa na que a vicerreitora aproveitou para agradecer todo o apoio recibido desde o Concello e do propio alcalde para organizar este tipo de citas na cidade. “Neste caso estamos ante un encontro internacional que xurdiu por iniciativa da profesora Ana Ulla”, subliñou Rubio, quen fixo fincapé en que se reunirán “galegos e galegas que fan astronomía, tanto aquí como no estranxeiro, profesionais que o que fixeron foi exportar coñecemento, desmostrando o potencial de Galicia neste eido”. Do mesmo xeito, a vicerreitora aproveitou para destacar a celebración ao abeiro do congreso dunha mesa de traballo sobre o sector espacial en Galicia na que se contará coa participación da spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, a asociación UVigo SpaceLab, a empresa UARX Space así como numerosos docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “o que demostra que en Vigo temos masa crítica neste eido”.
“Para nós é unha oportunidade única coa que, en realidade, levamos soñando moitos anos”, subliñou na súa intervención a investigadora do CIM Ana Ulla, quen agradeceu o apoio recibido da Universidade, do Concello e moitas persoas que axudaron a facer realidade este encontro. Destacou, así mesmo, que se tratarán diferentes tipos de temáticas, como os tardígrados mariños, dos que investigadoras e investigadores do CIM conseguiron o primeiro cultivo para estudalos como modelos astrobiolóxicos.
Se ben se trata dun congreso de especialistas, a representante do comité organizador destacou a importancia de “compartir o coñecemento coa cidadanía”, de aí a organización de diferentes iniciativas abertas ao público en xeral, entre elas a exposición AstrónomAs e unha conferencia e observación o mércores 16 pola noite na praza do Rei.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI