Lizbet Gutiérrez e Carlos Andrés Ramírez, dúas teses sobre acuicultura a cabalo entre a universidade e a industria

Ambos doutorandos aplican coñecemento punteiro en empresas galegas coa colaboración do CIM da Universidade de Vigo e do programa DOMAR do Campus do Mar

Lizbet Gutiérrez e Carlos Andrés Ramírez son dous dos 15 investigadores da Universidade de Vigo que están traballando no seu doutoramento industrial, unha modalidade que conecta directamente o mundo académico co tecido empresarial, combinando ciencia aplicada, innovación e contacto directo co mundo profesional. Lisbet Gutiérrez no laboratorios do CIM e Carlos Andrés Ramírez a través do programa DOMAR do Campus do Mar son dous exemplos destacados desta aposta pola investigación con impacto real.

Lizbet Gutiérrez, investigadora do programa de doutoramento Metodoloxía e aplicacións en ciencias da vida, traballa en colaboración coa empresa Insati e baixo a dirección da científica do CIM Paloma Morán. A súa tese céntrase no deseño dun sistema IoT-EdgeAI, que combina intelixencia artificial e sensórica avanzada para mellorar a produción e o crecemento da semente en bateas, especialmente en zonas con alta depredación. Leva traballando en Insati desde 2023 e iniciou a súa tese en decembro de 2024. Parte do traballo experimental realízao na Ecimat, onde analiza o impacto da depredación, e alterna co desenvolvemento tecnolóxico na empresa. “Sempre me gustou a investigación aplicada, e esta modalidade ofrece a posibilidade de desenvolver proxectos cun enfoque moi práctico”, explica.

Pola súa banda, Carlos Andrés Ramírez Rodríguez, estudante do programa DOMAR, desenvolve a súa tese en colaboración coa empresa Stolt Sea Farm S.A. e o grupo PHYStoFISH (FB2 – Fisioloxía de Peixes). A súa investigación busca mellorar o benestar no cultivo industrial de peixes planos, especialmente durante o proceso de manexo final. Usando técnicas punteiras como a electroencefalografía, Carlos analiza os métodos actuais para garantir que os animais perden a consciencia de forma rápida e eficaz. O proxecto tamén traballa no deseño de ferramentas non invasivas para avaliar o estrés dos peixes ao longo do cultivo.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Noticia no DUVI.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)