O CIM colabora no I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica (GIAA 2025), que se celebrará os días 17 e 18 de xullo no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo (R/ da Ribeira do Berbés, 11). O evento nace co obxectivo de crear unha comunidade de intercambio científico e divulgativo en astronomía e astrofísica desde Galicia, favorecendo sinerxías entre centros de investigación, observatorios e entidades colaboradoras.
Como actividade previa, o 16 de xullo ás 21:00 h terá lugar no Auditorio do Concello de Vigo a conferencia aberta ao público “Descubrindo o imperio do Sol”, impartida por Eduardo Ojero Pascual, experto da Axencia Espacial Europea (ESA). A sesión incluirá unha actuación musical do grupo Meigas Fóra da A.C. Tangaraño e unha observación nocturna do ceo na Praza do Rei, coa colaboración de agrupacións astronómicas e entidades locais (ou actividade alternativa en caso de mal tempo).