Do mar ao microscopio: tecnoloxía punteira en Vigo para entender o que ocorre no océano

Máis de 40 investigadores e investigadoras de cinco países europeos participan no experimento CELLBLOOM, unha campaña que combina varios experimentos simultáneos na ECIMAT do CIM

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), centro de apoio á investigación do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, acolle ao longo do mes de xullo unha campaña científica internacional enmarcada no proxecto europeo IMAGINE, coordinado polo European Molecular Biology Laboratory (EMBL), coa participación do CIM a través da súa implicación na infraestrutura EMBRC-ES.

Durante varias semanas, Vigo converteuse nun punto clave para a investigación mariña europea de vangarda, grazas a unha colaboración transfronteiriza entre institucións de Alemaña e España, coa participación adicional de institucións de Francia, República Checa e Portugal. Esta campaña aborda dous grandes desafíos ambientais: como afectan as ondas de calor mariñas ao equilibrio dos ecosistemas oceánicos e que interacción existe entre as floracións de microalgas nocivas, coñecidas como mareas vermellas, e as pradeiras mariñas de Zostera.

Efectos do quecemento nos ecosistemas acuáticos

O experimento CELLBLOOM combina dous ensaios principais desenvolvidos en condicións case naturais grazas ao sistema de mesocosmos da ECIMAT, que permite traballar con auga mariña recollida directamente da ría de Vigo e manter condicións ambientais controladas.

O primeiro busca entender como afectan as ondas de calor mariñas aos ecosistemas acuáticos, un fenómeno cada vez máis frecuente debido ao cambio climático. Empregánse seis mesocosmos (bolsas plásticas de 1500 litros de capacidade), que se enchen con auga mariña natural. Tres delas sométense a un quecemento controlado mediante resistencias eléctricas que elevan a temperatura da auga tres graos Celsius por enriba da temperatura das outras tres bolsas, que se manteñen á temperatura natural da auga do mar e actúan como control.

Deste xeito, pódense analizar con precisión os efectos do quecemento na composición e funcionamento do fitoplancto, bacterias e outros microorganismos, así como na dinámica xeral do ecosistema acuático contido en cada bolsa.

O responsable desta iniciativa no CIM e investigador principal do grupo de Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández, sinalou que “este montaxe experimental sitúa ao CIM entre os centros a nivel mundial capaces de reproducir e estudar, en condicións controladas pero próximas ás reais, o impacto das ondas de calor mariñas, grazas á capacidade de manter unha diferenza térmica estable e constante entre as bolsas tratadas e as de control”. Grazas á localización da ECIMAT e ao seu acceso directo ao mar, “podemos traballar con comunidades naturais en volumes grandes e durante períodos de tempo relativamente longos, en comparación co traballo de laboratorio, o que amplía o tipo de preguntas ás que podemos tratar de dar resposta”, engadiu.

Interacción entre Zostera e microalgas tóxicas

O segundo experimento analiza o papel potencial que teñen os compostos liberados pola planta Zostera marina para inhibir o crecemento das microalgas tóxicas que provocan as mareas vermellas, un fenómeno que prexudica gravemente a biodiversidade mariña e afecta a actividades económicas como a pesca e o marisqueo.

Para iso, utilízanse mostras de auga natural da ría de Vigo, que se colocan en seis recipientes, engadindo o exudado producido pola Zostera en tres deles, mentres que nos outros tres non se incorpora este material, actuando como control.

Monitórase o crecemento e a proliferación do fitoplancto, especialmente os dinoflaxelados, entre eles os potencialmente tóxicos, avaliando se os compostos da Zostera exercen un efecto inhibidor ou regulador sobre os organismos potencialmente nocivos, tal como xa comprobou o grupo OB do CIM en condicións de cultivo en laboratorio.

Este experimento permite explorar posibles solucións naturais e sostibles para mitigar o impacto das mareas vermellas, contribuíndo á conservación dos ecosistemas e ao desenvolvemento de estratexias baseadas na biotecnoloxía azul.

Nos experimentos realízanse medicións para avaliar a resposta ao estrés térmico de procesos clave como a absorción de nitróxeno por parte do fitoplancto, a actividade bacteriana ou a actividade dos herbívoros. O experimento incorpora tamén tecnoloxías de identificación de microalgas mariñas por fluorescencia desenvolvidas pola Universidade do Minho.

Infraestruturas científicas de vangarda

Ambos ensaios realízanse no sistema de mesocosmos da ECIMAT, unha infraestrutura singular polo seu acceso directo ao mar que permite reproducir condicións naturais baixo control experimental.

Ademais do sistema de mesocosmos, os científicos e científicas traballan co Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, un vehículo equipado con tecnoloxía de última xeración que permite procesar e conxelar mostras ao instante para a súa posterior análise mediante microscopía electrónica de alta resolución.

O director do Servizo do Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, Niko Leisch, explicou que “aquí podemos combinar tecnoloxía de vangarda con comunidades naturais nun entorno experimental controlado, o que crea unha plataforma moi potente para o descubrimento. Este enfoque permítenos estudar o impacto das floracións algais tóxicas e das ondas de calor mariñas ata chegar aos procesos moleculares que ocorren dentro das células individuais implicadas nestes fenómenos.”

Colaboración internacional

A campaña conta co apoio de preto de 40 investigadores e investigadoras procedentes do EMBL, o CIM, o Biology Centre da Academia Checa de Ciencias, o CNRS de Francia, a Universidade do Minho e a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, consolidando unha rede internacional multidisciplinar de excelencia.

Esta campaña é unha mostra do valor que ten Vigo como emprazamento para a ciencia internacional. Grazas á combinación de condicións naturais únicas, capacidades loxísticas e equipamento de vangarda, esta campaña exemplifica o potencial das infraestruturas europeas de investigación para afrontar retos urxentes, reforzando a cooperación científica europea mediante ciencia aberta, innovación e compromiso social.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Noticia no DUVI.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)