#AlénOMar | Do fósil á viñeta: o novo cómic do grupo de investigación do CIM achega a ciencia á mocidade

Titulado ‘Paleonautas’, é un trabalo do grupo do CIM Mapas Lab e restá ilustrado por Iago Araújo. A publicación está dirixida a centros educativos, bibliotecas e actividades de divulgación

Desvelar as incógnitas do pasado para anticipar os cambios futuros do planeta é unha da premisas do grupo Mapas Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, liderado pola investigadora Sara Varela. Pero a divulgación é tamén unha das patas fundamentais do traballo deste equipo interdisciplinar e unha das súas novas propostas neste eido é o cómic Paleonautas. Esta publicación ten como obxectivo achegarse á infancia e á xuventude para poñer ao seu alcance os avances en paleobioxeografía e faino a través dunha narrativa visual atractiva e contidos lúdicos e accesibles que facilitan a comprensión de conceptos científicos complexos.

O cómic está ilustrado por Iago Araujo e insírese no proxecto Mapas (H2020 947921), financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), o CIM e a iniciativa Paleo no Barrio: ciencia de proximidade (FCT-23-19134).

Ciencia que cobra vida

As ilustracións de Iago Araujo converten o cómic nunha “verdadeira expedición científica”, como detallan dende Mapas Lab, que leva os lectores por un percorrido no que visitan tanto traballos de campo en terra e no mar como laboratorios de investigación guiados polos propios investigadores do grupo. A través dunha proposta visual clara e lúdica, mestúranse investigacións sobre a especialización ecolóxica ou sobre o gradiente latitudinal de biodiversidade, explicando adaptacións, migracións e extincións ao longo de millóns de anos. Tamén se abordan as conexións entre ecosistemas, amosando como os cambios climáticos influíron na evolución da vida, así como a análise de bases de datos fósiles para estudar procesos de diversificación e extinción.

Esta nova publicación, explican dende o grupo, está dirixida a centros educativos, bibliotecas e actividades de divulgación, establecendo unha ponte entre a Universidade e a sociedade e animando á infancia a interesarse pola ciencia dende moi cedo. O cómic estará dispoñible de forma gratuíta en formato dixital na web do grupo (https://paleobiogeography.org/) e en versión impresa para escolares na sede do grupo na UVigo.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)