O CIM recibe a representantes do IMARPE de Mozambique na ECIMAT para afondar na colaboración en acuicultura e parasitoloxía aplicada

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo fortalece a súa proxección internacional coa visita institucional dunha delegación mozambicana procedente do Instituto de Ciências do Mar e Pescas (IMARPE). A comitiva, integrada por Estela Maússe, directora do IMARPE e representante do secretario de Pesca de Mozambique, e Celestino Tesoura, xefe da área pedagóxica da institución, foi recibida onte na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), infraestrutura de referencia do CIM para a investigación e experimentación mariña.

A visita enmárcase nun proxecto de cooperación ao desenvolvemento impulsado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o propio IMARPE e a empresa Pescanova, que inclúe vistas a centros de excelencia en Galicia no eido da ciencia mariña.

Durante o encontro, o director do CIM, Daniel Rey, e o director da ECIMAT, José Manuel García, presentaron as capacidades científicas do centro, facendo fincapé nos seus avanzados medios experimentais para acuicultura sostible, así como nas liñas de investigación en cambio climático, saúde oceánica e parasitoloxía mariña. A delegación mostrou especial interese polas posibilidades de colaboración na área de parasitoloxía aplicada a especies de interese comercial para Mozambique, así como polas iniciativas de formación e divulgación impulsadas polo CIM, entre elas a Rede de Escolas Azuis.

Este intercambio permitiu identificar sinerxías estratéxicas que poden dar lugar a futuras colaboracións científicas e formativas entre o CIM e o IMARPE, fortalecendo a cooperación internacional arredor da sostibilidade dos recursos mariños.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)